A folga do metal consegue baixar 30% a asistencia a Mindtech, a feira da patronal do sector

Traballadores do sector denuncian "fortes cargas policiais" que impediron a saída da manifestación.

Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal nunhas mobilizacións acontecidas en Vigo neste 2023. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Axentes da Policía española bloquearon a saída da manifestación dos traballadores do sector do metal. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A Feira Mindtech, da industria do metal e tecnoloxías asociadas organizada por Asime, a patronal do sector, fechou esta quinta feira a súa terceira edición após recibir arredor de 7.000 visitas durante os tres días de congreso, que decorreu no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Este dato de participantes é 30% menor dos 10.000 que esperaba a organización debido a que, segundo dixo o director xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, as manifestacións rexistradas nas inmediacións do recinto feiral con motivo das folgas no sector provocaron que a afluencia de xente baixase.

Milleiros de traballadores do metal concentráronse a pasada terza feira, 20 de xuño, ás portas do recinto feiral, coincidindo coa inauguración da feira, colapsando os accesos na autoestrada AP-9 e obrigando a retrasar un acto de inicio no que participaron, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, e a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Represión policial

Nunha nova xornada de folga, persoal do sector do metal cortou na mañá desta quinta feira a AP-9 á altura da saída de Peinador e en dirección Ponte de Rande, en protesta, logo de que antidisturbios da Policía española bloqueasen o comezo da marcha coa que os traballadores buscaban concentrarse, máis unha vez, ás portas do Ifevi.

Previamente, na terceira xornada de folga, miles de operarios participaron nunha asemblea na que os responsábeis da CIG, UXT e CCOO apelaron á unidade de acción e a manter a presión para conseguir as melloras que reclaman.

As centrais sindicais tamén advertiron que manterán as mobilizacións até que a patronal acceda ás súas peticións por "un convenio digno" e reiteraron a súa oferta de diálogo.

Os traballadores denunciaron as fortes cargas policiais para impedir unha manifestación que contaba con autorización. Neste contexto, a tensión foise elevando e provocou disturbios entre manifestantes e axentes.

A este respecto, o BNG de Vigo exixiu responsabilidades á Delegación do Goberno estatal por impedir a manifestación con cargas. “Ningún evento, tampouco a Mindtech, está por riba do exercicio de dereitos fundamentais como o dereito a folga e manifestación”, dixo o portavoz da formación Xabier P. Igrexas.

 

Comentarios