Tensión nas inmediacións do Ifevi: miles de operarios do metal volven saír á rúa "por un convenio digno"

Continúan as protestas ás portas da Feira Mindtech, organizada pola patronal, Asime.
Nova protesta do metal ás portas do Ifevi de Vigo, esta quinta feira. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Nova protesta do metal ás portas do Ifevi de Vigo, esta quinta feira. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Milleiros de traballadores do metal da provincia de Pontevedra volveron concentrarse na mañá desta quinta feira nas inmediacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), nunha nova manifestación cuxa marcha foi bloqueada por un forte dispositivo policial.

O sector vive esta quinta unha nova xornada de folga no marco da negociación do seu convenio colectivo, que está bloqueada, e de novo os traballadores déronse cita nas proximidades do recinto feiral, con motivo da celebración da Feira Mindtech, organizada pola patronal, Asime.

Á primeira hora da mañá, miles de operarios participaron nunha asemblea na que os responsábeis dos sindicatos UXT, CCOO e CIG apelaron á unidade de acción para manter a presión e a loita para conseguir as melloras que reclaman. Tamén advertiron que manterán as mobilizacións até que os representantes das empresas accedan ás súas peticións por "un convenio digno" e reiteraron a súa oferta de diálogo.

Posteriormente, miles de traballadores dirixíronse en manifestación cara ao Ifevi, mais non puideron achegarse sequera á entrada do recinto, como si fixeron a pasada terza feira, xa que os accesos e as estradas dos arredores contan cunha ampla despregadura policial.

Nun momento dado, a tensión foise elevando até o punto de que houbo lanzamento de botellas, parafusos, pedras e mesmo mazás aos axentes da Policía que impiden o paso da marcha. Polo de agora, os manifestantes mantéñense concentrados nas inmediacións do aeroporto de Peinador, onde se escoitan consignas como "Asime, escoita, o metal está en loita".

Corte na AP-9

Traballadores do metal cortaron tamén a AP-9 á altura da saída de Peinador e en dirección á ponte de Rande após unha manifestación que se dispersou despois de que se lles impedise acceder ao Ifevi. Após máis dunha hora sen poder avanzar, os manifestantes comezaron a desperdigarse, tratando de chegar ao recinto por outras estradas, malia que na súa maioría estaban custodiadas por funcionarios da Policía Nacional e da Garda Civil. Isto levou a que centenares de persoas comezasen a correr monte abaixo para alcanzar o seu destino, comezando as cargas policiais con pistolas de pelotas de goma.

Retencións na AP-9 a conta das protestas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Retencións na AP-9 a conta das protestas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Aliás, algúns dos traballadores comezaron a tallar árbores e a lanzalos á AP-9, provocando que a Policía decidise cortar o tráfico na autoestrada. Finalmente, media ducia deles chegaron ás portas do Ifevi, sen que se producisen incidentes nesa zona.

Comentarios