O sector industrial da CIG clama contra a precariedade e en demanda de traballo digno

Centos de delegados e delegadas da CIG-Industria manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Compostela en defensa do emprego e da industria na Galiza.
Manifestación da CIG, esta quinta feira (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación da CIG, esta quinta feira (Foto: Arxina).

Centos de delegados e delegadas da CIG-Industria manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Compostela en defensa do emprego e da industria na Galiza. A mobilización, inserida na campaña que a CIG vén desenvolvendo desde principios de ano baixo o lema “Stop Precariedade. Traballo Digno”, decorreu tras dunha asemblea na que se analizou a “grave situación” do sector industrial na Galiza.

Ao inicio da manifestación, o secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi, deu conta da situación analizada na asemblea e das demandas concretas da central sindical. Así denunciou as novas modalidades de contratación, polas que se multiplica a precariedade, ou a xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa descontinua. Unha cuestión, esta última, respecto da que apuntou que “se elimina a figura do traballador ou traballadora eventual, mais o resultado é que cambian as estatísticas, mais non a realidade”.

Denunciou tamén “o uso e abuso fraudulento” dos períodos de proba como modalidade de contratación; “o reforzo” das empresas de traballo temporal (ETT); “o fomento” dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) permanentes; “a continuidade” das desigualdades de xénero; “a extensión” dos baixos salarios; “as maiores” dificultades para o acceso, a duración e as contías das prestacións de desemprego ou “a institucionalización” da pobreza. Por iso afirmou que “ter traballo xa non garante os ingresos necesarios para vivir dignamente e acceder a dereitos básicos como alimentación ou vivenda”.

Fronte a isto reclamou ao novo Goberno galego a “aprobación urxente dun plan galego de recuperación económica, de industrialización do país e creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra”. Bouzas salientou ademais as loitas en defensa dos postos de traballo desenvoltas nestes últimos meses pondo especial énfase nos expedientes de regulación de emprego (ERE) extintivos de Maderas Fiber e de Soling Instalaciones, do sector naval, ambas fechadas, así como a loita no sector da automoción e contra o ERE en Einsa, empresa de artes gráficas das Pontes.

Empresa Pública Galega de Enerxía

Defendeu ademais unha tarifa eléctrica galega “para que o difícil reto de Transición Enerxética se converta en posibilidades de xeración económica, de reindustrialización e de prezos máis baixos” e a creación dunha Empresa Pública Galega de Enerxía, para garantir que a xeración eléctrica teña repercusión económica alí onde se produce.

Reclamou a implantación de industrias tecnolóxicas e de fabricación de compoñentes de equipos para a industria de enerxías renovábeis, denunciando que as que había fecharon ou se deslocalizaron, o que supuxo unha perda de máis de 5.500 empregos no sector eólico.

Cuestionou o emprego que se anuncia cos proxectos de implantación de novos eólicos pola Galiza adiante, lembrando que as 45 primeiras empresas eólicas con sede en Galiza só dan emprego a 37 persoas ou que na Terra Cha, un concello con 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores, só empregou catro persoas.

Respecto da eólica mariña defendeu que sexan excluídos os territorios que no ano anterior xa cumpriran os obxectivos de produción de enerxía eléctrica con renovábeis e exixiu que todos os proxectos de implantación de actividades enerxéticas teñan proxectos de desenvolvemento económico e plans industriais asociados, creadores de emprego neto real, sen posibilidade de segregalos da actividade de produción de enerxía, aumentando o retorno económico e social ás persoas e territorios afectados.

Neste sentido, afirmou que a Xunta da Galiza “ten que facer unha política industrial, enerxética e social, non estar ao servizo das grandes eléctricas, pondo en perigo sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación” e apostou por un novo sistema público de fixación de prezos da electricidade para particulares e para a actividade económica.

Avanzou que desde a federación loitarán pola implantación de coeficientes redutores para sectores nos que o persoal padeza especial desgaste na súa saúde e anunciou que darán “a batalla” polo dereito á xubilación parcial sen restricións por sectores de actividade ou empresas porque “isto axuda a rexuvenecer os cadros de persoal e á creación de emprego”.

Sectores en perigo

Na asemblea foron as e os representantes dos distintos sectores quen deron conta da gravidade da situación. Así Xosé Manuel Peña, membro da sección sindical de Alcoa San Cibrao, denunciou que “non hai unha proposta concreta para unha solución factíbel”. Ademais, reclamou que as Administracións estuden todas as accións legais e institucionais para que se garanta o cumprimento dos compromisos por parte de Alcoa e demandou que se busque unha fórmula de intervención e que se entre no Consello de Administración para garantir a continuidade da empresa e do emprego, tanto na principal como nas auxiliares.

Na mesma liña Celso Barros, de Eumencons, auxiliar de Endesa e traballador no proceso de desmantelamento da central térmica, denunciou que “desde novembro non se reúne a mesa para o impulso económico da comarca”; que Xunta, Endesa, concello e Ministerio “pasan de todo e que segue sen haber concurso de Transición Xusta, nin se cumpre o compromiso de seguimento dos proxectos”.

Pola súa parte, Marcos Paramós, traballador de Ilunion, do grupo ONCE, denunciou “a explotación laboral nas empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego”, mentres que Raquel Pérez, responsábel nacional da Muller da federación, fixo un percorrido polas “desigualdades que sofren no sector”.

Con respecto ao sector de automoción, María Xosé García manifestou “a preocupación máxima pola situación” xa que desde 2008 “non se instalou ningunha empresa nova, nin a fabrica chinesa anunciada para Vigo, nin a tan cacarexada planta de baterías, nin a de semicondutores”. Fronte a isto denunciou que si se produciron deslocalizacións das empresas que había, alertou da prohibición a partir de 2030 de fabricar coches de combustión e de que Stellantis “non aclara cales son os seus proxectos de futuro”.

Ademais, Erika Seoane, de Europrint, denunciou a situación do convenio de Artes Gráficas, “un dos peores na actualidade”, mentres que Alejandro Cabo, da auxiliar de Navantia, Nervión, salientou “a importancia de mobilizarse para conseguir a aplicación dos acordos do naval no convenio do metal”.

Comentarios