Saír antes do traballo en Noiteboa e Noitevella, un costume avalado polo Supremo

O alto tribunal rexeita o recurso de BBVA a unha sentenza previa do TSXG que daba a razón á CIG e recoñecía o dereito do persoal do banco na Galiza a reducir a xornada os días 24 e 31 de decembro por costume.
#nadal #oficina #noiteboa #noitevella #traballo (Foto: Nós Diario)
photo_camera O persoal de BBVA na Galiza ten por costume reducir a xornada nas festas natalicias. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Supremo vén de avalar o costume de saír antes do traballo os días 24 e 31 de decembro, en resposta ao caso dunha sucursal bancaria da Galiza na que a empresa pretendía acabar unilateralmente con esta tradición do Nadal, algo que os maxistrados rexeitaron ao considerar que se trata dun cambio substancial nas condicións laborais que se debía consultar cos representantes legais do cadro de persoal. A sentenza explica que, "con carácter tradicional desde hai máis de 20 anos, os traballadores do BBVA que prestan servizos nos centros de traballo das catro provincias galegas" cuxo horario habitual era de 8 a 15 horas fechaban ao público ás 12.30h, adiantando unha hora a súa saída, ben para marchar á casa, ben para "ir tomar algo todos xuntos" para celebrar as festas do Nadal.

Con motivo da implantación da obriga legal de rexistrar as horas de traballo efectivas, BBVA incluíu na súa intranet un apartado de preguntas frecuentes onde sinalou que o horario deses dous días sería o habitual, o de segundas a quintas feiras, e de 9 a 15h se caían en sexta feira. A CIG remitiu un correo electrónico á entidade bancaria solicitando que se mantivese o horario reducido eses días especiais "ao non concorrer causas que xustifiquen a súa supresión nin iniciar a empresa os trámites do artigo 41 do Estatuto dos Traballadores".

BBVA respondeu lembrando que "xa no ano 2001 se subscribiu un acordo colectivo, polo que, adicionalmente ás licenzas retribuidas contempladas en convenio colectivo, incorporouse un día máis de licenza retribuida a gozar con carácter alterno polo cadro os días indicados", sendo por iso que "o horario estabelecido para os devanditos días é o correspondente en cada caso a unha xornada habitual de traballo".

A CIG levou o asunto ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que lle deu a razón. O banco recorreu este auto ante o Supremo, alegando fundamentalmente que ese horario especial non podía considerarse "unha condición máis beneficiosa" —suxeita ao diálogo cos representantes dos traballadores— porque "non estaba realmente autorizada, admitida ou consentida pola empresa, senón tan só tolerada dalgunha forma polos directores de tales oficinas".

Un dereito recoñecido

O alto tribunal precisa que "se trata de decidir se efectivamente existía unha práctica consolidada desde hai máis de 20 anos consistentes en fechar todas as oficinas da rede ás 12.30 horas os días 24 e 31 de decembro, e se pode atribuírse a esa situación a natureza xurídica de condición máis beneficiosa de carácter colectivo". A Sala do Social do TS resolve que, aínda que "é evidente que do convenio colectivo non se desprende o dereito reclamado", tamén "é indubidábel que os traballadores levan máis de 20 anos fechando ao público as oficinas ás 12.30 horas para gozar do aperitivo do Nadal".

Para a Sala Cuarta, isto "evidencia a existencia dunha práctica xeneralizada [...] que non só era coñecida, senón tamén admitida e consentida por parte da empleadora, até o punto de que se configurou finalmente como unha condición máis beneficiosa incorporada ao acervo de dereitos dos traballadores". "O gran número de oficinas nas que levaba a cabo e a enorme prolongación no tempo desa práctica impide considerala como unha actuación descoñecida e realizada ás costas da empresa, con base na mera e simple tolerancia dos respectivos directores de cada unha das oficinas", expón.

Fixada esta premisa, o Supremo sostén que se trataba de "unha condición máis beneficiosa de carácter colectivo cuxa supresión pola empresa houber exixido acudir aos trámites do artigo 41 ET para a modificación substancial de condicións de traballo", polo que rexeita o recurso de BBVA.

Comentarios