A saída da crise e a derrogación das reformas laborais centrarán o 1 de maio

As organizacións sindicais volven á rúa polo 1 de maio, Día Internacional da Clase Obreira, unha vez concedidos os permisos que o ano pasado, pola pandemia, non lles permitiu realizar máis que actos simbólicos desde os fogares. A maneira en que sairemos da crise provocada pola Covid-19 e as medidas que se tomarán en breve é o motivo común de todos eles.
Manifestación da CIG polo 1 de maio na cidade de Vigo en 2019 (Nós Diario)
photo_camera Manifestación da CIG polo 1 de maio na cidade de Vigo en 2019 (Nós Diario)

As rúas da Galiza volverán ser protagonistas este 1 de maio das mobilizacións sindicais en forma de manifestacións nas principais cidades e vilas. As de Vigo serán, previsibelmente, as máis concorridas. Onte a central maioritaria, a CIG, e os sindicatos CCOO e UXT explicaron en dúas roldas de prensa os motivos das mobilizacións. 

A CIG escolleu como lema "Por unha saída galega xusta da crise", unha idea que, segundo explicou o secretario xeral, Paulo Carril, resume as súas principais demandas para enfrontar a actual crise económica. Para a central nacionalista é imprescindíbel derrogar as reformas laboral, da negociación colectiva, das pensións, das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que "seguen en vigor e están sendo utilizadas para enfrontar a crise neste intre". Reformas que, denunciou, están a ter "graves consecuencias para a clase traballadora galega". 

Carril afirmou, ademais, que o Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos "siga actuando ao ditado destas políticas neoliberais nacidas da crise de 2008", mais "disfrazadas cunha enorme propaganda" e presentadas a través da "lacra do diálogo social". 

Respecto do desemprego, Paulo Carril engadiu aos despedimentos acumulados desde o 14 de marzo do ano pasado, ao inicio do confinamento, os novos facilitados, precisamente, polo mantemento das reformas. Por último, responsabilizou o Goberno da Xunta de "contribuír de forma decidida ao proceso de destrución dos nosos sectores produtivos e dos nosos sectores industriais". A secretaria de Organización, Susana Méndez, que compareceu xunto a Carril na rolda de prensa, incidiu na situación das mulleres que "xa partían dunha secular discriminación" que se viu acrecentada este último ano pola situación sanitaria e económica. As manifestacións da central nacionalista terán lugar ás 11 h en Ourense; ás 11.30 h. en Pontevedra (11.30 h.); e ás 12 h en Ferrol, A Estrada, Compostela, Ribeira, A Coruña, Cee, Vigo, Cangas, A Guarda, O Barco, Verín, Lugo e Viveiro.

CCOO e UXT

Os sindicatos CCOO e UXT mobilizaranse conxuntamente este 1 de maio, nesta ocasión coa idea de reivindicar que "agora toca cumprir" ao Goberno español coa clase traballadora. Os secretarios xerais das dúas organizacións, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, anunciaron que, a diferenza do ano anterior, realizarán manifestacións en todas as cidades galegas con horarios que varían entre as 11.30 e as 12.30 h.

Ambos os líderes lembraron o persoal dos sectores esenciais que traballaron durante o confinamento e alertaron da importancia deste momento en que se decidirá como será o camiño para saír da actual situación económica. Neste sentido, Ramón Sarmiento criticou que as patronais queiran saír desta crise con "recorte de dereitos, de desvalorización de salarios e de perda de retribucións". O líder de CCOO na Galiza  puxo como exemplos "o sector financeiro" cunha proposta de expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción ou a "conxelación de salarios até 2025 que quere o sector conserveiro no seu convenio". 

Pola súa parte, o secretario xeral de UXT xulgou "imprescindíbel" retomar a axenda social e recuperar a mobilización, polo que instou o Goberno do Estado a "retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía". Entre as reivindicacións, a primeira sería a derrogación da reforma laboral coa intención de devolver o equilibrio ás relacións laborais. Canda ela, a derrogación da reforma das pensións de 2013 e a suba do salario mínimo interprofesional.

CUT e CNT

A CUT escolleu como lema "Na defensa da clase traballadora: todas a unha!". Nun comunicado salientan "o empeoramento das condicións laborais e vitais que sufrimos as traballadoras a causa da pandemia e da crise asociada a ela". Convocaron manifestacións en Vigo (11 h.) na que participarán tamén a CXT, o Sindicato Ferroviario e a STEG. Tamén terán manifestación en Compostela ás 12.30 h. e en Pontevedra ás 12:30 h., esta última tamén xunto á CXT, o Sindicato da Elevación e varios movementos sociais.

A CNT, polo seu lado, empregará o lema "Máis sindicalismo, máis dignidade". A súa manifestación terá lugar en Compostela ás 12 horas con saída na praza 8 de marzo. 

Comentarios