martes 11/05/21

A CIG denuncia que a TVG “ocultou” os seus actos polo 1 de Maio

A central sindical traslada unha queixa ao director xeral do ente público por este “novo episodio de manipulación”

Susana Méndez e Paulo carril CIG (Arxina)
Susana Méndez e Paulo carril (Foto: Arxina)

A CIG remitiu un escrito de queixa ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e a directora da Área de Información polo tratamento informativo recibido con respecto aos actos de celebración do Primeiro de Maio.

“A evidente ocultación da primeira forza sindical en Galiza e a manipulación na cobertura das súas convocatorias dificilmente casan cos principios de obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa polos que se debe rexer a televisión pública galega”, apuntan desde o sindicato .

Fortes críticas

Critican que a Televisión de Galicia non se fixo eco da rolda de prensa, desenvolvida por videoconferencia o día 27 de abril -na que se informou das acción previstas para ese Primeiro de Maio- e que o día 1 seguinte asistiron a “un obvio exercicio de manipulación informativa”, pois no programa Bos Días trasladouse a idea “de que as únicas convocatorias eran as de CCOO e UXT”.

 Ademais, denuncian que no Telexornal do mediodía repetiuse a situación, “emitíndose imaxes dos chíos en redes sociais de perfís de persoas que se suman ao chamado de CCOO e UGT e non se recolle nin un só da convocatoria da CIG".

“Recóllense declaracións, por esta orde, de Unai Sordo, secretario xeral de CCOO; Pepe Álvarez, de UGT; José Antonio Gómez, secretario xeral en Galiza de UGT; Ramón Sarmiento, secretario xeral en Galiza de CCOO, e Paulo Carril, secretario xeral da CIG. Da información, 1 minuto e 31 segundos dedícanse a informar das convocatorias de CCOO e UGT e 13 segundos -9” de total de Paulo Carril- a informar da CIG”, explican.

No Telexoranl Serán divídese en dous bloques a información relativa a esta data. No primeiro dáse conta do concerto virtual convocado por CCOO e UGT (33”). No segundo das manifestacións nas redes sociais, repetindo o esquema dos anteriores informativos. Durante 1 minuto e 19 segundos fálase de CCOO e UGT, fronte aos 12 segundos nos que se fala da CIG.

 “Dificilmente hai obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, cando hai ocultación manifesta da convocatoria dunha das organizacións sindicais fronte ás outras dúas. Máxime cando ademais a CIG ostenta a primeira posición en Galiza en representatividade”, conclúe a central sindical.

comentarios