Unha residencia de Vilalba deberá readmitir unha empregada despedida por reivindicar mellores condicións laborais

A sentenza, coñecida esta cuarta feira, obriga a citada empresa a abonar os salarios que a muller deixou de percibir desde o momento do seu despedimento, a indemnizala por "danos morais" en concepto de 7.501 euros e a readmitir de maneira inmediata a traballadora.
Rolda de prensa con representantes sindicais após coñecerse a sentenza (Foto: SLG).
photo_camera Rolda de prensa con representantes sindicais após coñecerse a sentenza (Foto: SLG).

O Xulgado do Social número 1 de Lugo declarou nulo o despedimento dunha traballadora da Fundación Hospital Asilo de Vilalba, executado no principio do ano, ao consideralo resultado dunha "represalia" por parte da empresa á actividade reivindicativa da profesional, que denunciara irregularidades no funcionamento da residencia de maiores na que traballaba.

A sentenza, coñecida esta cuarta feira, obriga a citada empresa a abonar os salarios que a muller deixou de percibir desde o momento do seu despedimento, a indemnizala por "danos morais" en concepto de 7.501 euros e a readmitir de maneira inmediata a traballadora.

"Esta é unha vitoria para Olga pero tamén para todas as mulleres, para as auxiliares e para as traballadoras do asilo", asegurou Margarida Prieto, coordinadora comarcal do Sindicato Labrego Galego e representante no Consello Galego de Benestar.

A sentenza emitida polo Xulgado avala a tese das plataformas sociais que secundaron a demanda da profesional -Sindicato Labrego Galego, CC.OO. e colectivos feministas da Terra Chá- ao facer constar no escrito que existen "indicios suficientes" capaces de avalar que a decisión empresarial adoptada constituía en realidade "unha represalia fronte ás queixas formuladas" pola traballadora.

"Se se pode sacar algo positivo disto é que unha vez máis se demostra que cando a xente loita lógranse resultados. Isto é bo para que outras compañeiras se animen a denunciar e saiban que están arroupadas", explicou Prieto, para acto seguido subliñar que a "grave represión" sufrida pola traballadora obedece tamén á súa "condición de ser muller".

Demandas

As reivindicacións do persoal da residencia de maiores xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba para denunciar a alta carga de traballo das profesionais e as súas precarias condicións laborais comezaron en 2021. Co paso dos meses, as demandas transformáronse en concentracións apoiadas polos sindicatos e nas que participou de maneira activa a traballadora despedida, que agora deberá ser readmitida.

"Estamos a falar dunha institución cunha aureola de bo funcionamento que era intocábel. Todos sabían o que pasaba aí dentro pero ninguén era capaz de denuncialo. A situación de Olga non é unha situación única", advirten, con todo, desde un Sindicato Labrego Galego que cualifica a sentenza como "moi importante de cara ao futuro".

Comentarios