A CIG volve saír ás rúas das sete cidades en rexeitamento á reforma das pensións

A central sindical denuncia a “trampa” de revalorizar as contías co IPC medio e non o interanual acumulado.
Protesta de pensionistas da CIG o pasado mes de novembro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta de pensionistas da CIG o pasado mes de novembro en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O Goberno español vén de aprobar esta semana a revalorización das pensións, unha suba que non chega para cubrir o aumento dos custos da vida. Amais, as pensións galegas seguen lonxe da media e ocupan a segunda posición pola cola. 

Ante esta perda de poder adquisitivo e a "trampa" que supón revalorizar as contías tendo en conta o IPC medio e non o acumulado ─o que supón unha perda do 4% ─, segundo denuncia a CIG, o sindicato convocou na xornada de hoxe mobilizacións nas sete cidades galegas.

Como explican desde a central sindical, as protestas en rexeitamento da nova reforma das pensións céntranse en que o novo sistema non garante o poder adquisitivo das persoas pensionistas que, se ben foron manténdoo entre 2018 e 2021 grazas á mobilización social, coa nova norma está en perigo.

As pensións aumentaban en xaneiro de acordo coa previsión de IPC e a principios do ano seguinte recuperábase a desviación entre o IPC previsto e o do mes de novembro con unha "paguiña", que ademais se incluía na base das pensións, explican desde a CIG. 

A 'trampa' da nova lei

"O sistema permitía resistir a inflación", salientan. Porén, a nova lei do Goberno PSOE e Unidas Podemos preséntase como continuadora do sistema, "mais ten trampa", advirten, xa que o índice para a revalorización xa non vai ser o IPC interanual acumulado (6,5% en 2021), senón o IPC medio (2,5% en 2021). 

Como consecuencia deste "truco", as pensións de 2021 perderán un poder adquisitivo de 4% (6,5%-2,5%), dado que a lei non recolle a "paguiña" compensatoria, denuncian desde o sindicato, e a partir de 2022 aplicarase o IPC medio, "de modo que a perda de poder adquisitivo pode cronificarse, porque a revisión das posíbeis desviacións do IPC só vai facerse cada cinco anos (non anualmente) e non é obrigatoria".

Diante disto, a CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas esta quinta feira nas sete cidades galegas para rexeitar a nova reforma e reclamar un sistema público de pensións cunhas contías dignas.

As mobilizacións serán todas ás 11 horas. En Vigo, no farol de Urzáz; na Coruña, fronte á Subdelegación do Goberno; en Pontevedra, na praza da Peregrina; en Ferrol, diante do Instituto Nacional da Seguridade Social, igual que en Ourense. En Lugo a protesta será ás portas do Edificio Multiusos, mentres que en Compostela a protesta decorrerá na Praza do Toural.

Comentarios