Persoal da planta de lixo de Nostián, na Coruña, convoca folga a partir do 21 de maio

O comité entende que hai unha evidente mala fe na negativa da empresa para asinar o convenio colectivo, "o que causaría un grave prexuízo ao conxunto do persoal que vería novamente atrasada a recuperación do poder adquisitivo dos seus salarios, á vez que vería tamén incumpridos os compromisos adquiridos en materia social e de xornada".
Persoal da planta de Nostián durante unha xornada de folga nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal da planta de Nostián durante unha xornada de folga nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

O persoal da planta de tratamento de residuos de Nostián, na Coruña, convocou folga a partir do 21 de maio, segundo informa a Confederación Intersindical Galega (CIG) tras a desconvocatoria anterior no primeiros tres días da Semana Santa.

O pasado 13 de abril, Albada e o comité de empresa chegaban, despois de máis de 20 meses de negociacións, a un preacordo para a aprobación do novo convenio colectivo para os anos 2022-2027, que foi ratificado posteriormente nas asembleas de traballadores.

Con todo, segundo informa a CIG, a empresa, a Unión Temporal de Empresas (UTE) Albada, "négase agora a dar cumprimento ao acordado e proceder á firma do texto íntegro do convenio colectivo".

“Mala fe”

O comité entende que hai unha evidente mala fe na negativa da empresa para asinar o convenio colectivo, "o que causaría un grave prexuízo ao conxunto do persoal que vería novamente atrasada a recuperación do poder adquisitivo dos seus salarios, á vez que vería tamén incumpridos os compromisos adquiridos en materia social e de xornada".

Folga en Compostela

Tamén na capital galega, empresa e persoal da concesionaria do servizo de limpeza viaria, recollida de lixo e punto limpo de Santiago, Urbaser, seguen sen alcanzar un acordo que evite a folga indefinida convocada a partir do próximo día 15 de maio.

Esta segunda feira mantiñan unha reunión co obxectivo de chegar a puntos en común, pero o encontro, que se estendeu durante unhas seis horas, concluíu sen acordo. Se ben houbo "achegamentos", segundo fontes sindicais, quedan "varios escollos" para desconvocar o paro.

Comentarios