Polémica en Compostela pola mestura de plástico, papel e orgánico por parte da concesionaria do lixo

"A pesar de que os contedores que se amosan no vídeo son de diferentes cores, a fracción é a mesma: envases", defenden desde o Concello.
Colectores de lixo na compostelá rúa da Raíña (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Colectores de lixo na compostelá rúa da Raíña (Foto: Concello de Santiago).

A portavoz municipal do BNG en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, trasladou á Xunta de Portavoces da cidade a petición dunha investigación sobre o contido das imaxes dun vídeo compartido nas redes sociais en que se ve como “mesturan distintos tipos de residuos procedentes de colectores amarelos, verdes e azuis que acaban no mesmo camión de transporte”. "É necesario un cambio urxente na xestión municipal e un control da empresa concesionaria de residuos", advirte Sanmartín.

"Un fracaso"

“Após facer campañas de sensibilización para que a veciñanza deposite os residuos nos colectores correspondentes, resulta un fracaso por parte da empresa concesionaria que despois xunte papel, plástico e demais restos para o seu transporte”, salienta a portavoz nacionalista.

Para o BNG, este vídeo gravado en Salgueiriños cos colectores portátiles que se instalan na Cidade histórica supón “unha mostra máis que evidente da necesidade de controlar as empresas concesionarias de servizos municipais e, neste caso, a de recollida de residuos domésticos que vén de gañar un concurso adxudicado por 94,5 millóns de euros”.

"Engano"

Este modo de proceder é un “engano tanto para a poboación como para propia xestión municipal”, segundo o BNG pois a empresa “está a incumprir os parámetros da recollida selectiva de residuos e os principios fundamentais da reciclaxe que marca a normativa”.

Explicación do Concello

Porén, desde o Concello de Santiago e a empresa concesionaria defenderon que "a pesar de que os contedores que se amosan no vídeo son de diferentes cores, a fracción é a mesma: envases". Os contedores que se sitúan dentro das illas de 'quita e pon', explicaron, "non sempre teñen a cor correspondente á franxa para a que dan servizo, precisamente porque eses contedores non se ven, atopándose no interior da estrutura da propia illa".

"Todos os contedores, de 800 e 360 litros son de envases lixeiros, como así veñen rotulados nas illas nas que despois se introducen, polo que en ningún caso se pode falar dunha recollida errada nin que haxa unha mestura de residuos. Cada camión recolle a súa fracción, de feito, a fracción de orgánico xa fora debidamente recollida con anterioridade á gravación das imaxes difundidas por outro camión de gas como figura nos rexistros da empresa concesionaria, así como o papel e o vidro, por Coregal e Ecovidrio respectivamente", engadiron.

Comentarios