A Coruña

O futuro da planta de Nostián, a debate no Consorcio das Mariñas

Concellos critican a falta de apoio da Xunta ao modelo de reciclaxe.
Planta de residuos de Nostián, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Planta de residuos de Nostián, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Alcaldesas e alcaldes da área metropolitana da Coruña que integran o Consorcio das Mariñas reuniranse a partir da próxima semana para abordar o futuro da planta de tratamento de residuos de Nostián. A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, asegurou en rolda de prensa que "será a partir da segunda feira 23 porque por cuestións de axenda non podía ser antes".

Farano unha vez que o Concello aprobou, en Xunta de Goberno, o anteproxecto para a renovación e actualización da planta de clasificación de residuos.

Porén, a Xunta da Galiza  insiste na exixencia de que a planta, con modelo húmido-seco, abandone ou seu modo de proceder na separación de residuos, amparándose nunha suposta obrigatoriedade imposta pola nova normativa estatal que, malia todo, abre a porta ao mantemento deste modelo nalgúns supostos. Alén diso, o cadro de persoal da planta segue a amosar a súa preocupación polo futuro da instalación.

"Non toca" falar de primarias no PSdeG

A alcaldesa da Coruña tamén respondeu ao ser preguntada pola prensa polas declaracións do rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, que asegurou que o actual secretario xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, está "chamado a ser o próximo presidente da Xunta". En opinión de Inés Rei, o PSdeG ten "cadros suficientes para afrontar os retos que veñan".

En relación ao debate no seu  partido sobre a posibilidade de que José Ramón Gómez Besteiro volva á primeira liña política e sexa o candidato, sinalou que ese tema "non toca neste momento". Con todo, manifestou que o PSdeG está "preparado para gobernar Galiza cun proxecto alternativo ao PP".

Comentarios