Persoal de Teleperformance clama na Coruña contra a deslocalización imposta por Naturgy

Manifestación do persoal de Teleperformance, esta sexta feira na Coruña. (Foto: Nós Diario).
O cadro de persoal de Teleperformance denuncia que Naturgy levará 100 postos de traballo a Colombia.

A partir do próximo mes de setembro, o servizo de atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UFD), distribuidora dependente de Naturgy, pasará a ser realizado en máis de 80% das labores desde Colombia, o que supón unha perda de 100 postos de traballo.

Un servizo que se realiza desde hai máis de 25 anos, tanto en galego como en castelán, na delegación de Teleperformance na Coruña, dando cobertura a toda a clientela da distribuidora (UFD) do grupo Naturgy de todo o Estado español.

Este proceso de deslocalización non é o primeiro que afecta ao persoal laboral de Teleperformance na Coruña, que xa ten perdido máis de 900 postos de traballo polos cambios nas contratas de R Cable, Naturgy e Orange.

O cadro de persoal de Teleperformance realizou unha manifestación esta sexta feira na Coruña denunciando a que consideran "unha práctica habitual que do Grupo Naturgy (antiga Fenosa)", orixinalmente galega e que "mantiña un certo compromiso coa súa galeguidade".

Porén, nos últimos tempos, sinalan, estase a normalizar que esta empresa "traslade os postos de traballo dos servizos de atención ao cliente das empresas do seu grupo fóra do país".

Instan a solicitar a atención en galego

Mentres tanto, o conxunto das persoas traballadoras de Teleperformance pide ás usuarias e usuarios que soliciten nas súas chamadas "atención en galego", pois isto significa "garantía de calidade e emprego" na Galiza. 

Así, defenden "a necesaria profesionalización do sector de atención ao cliente, que aposte por manter e aumentar os postos de traballo na nosa terra".

O secretario da sección sindical da CIG en Teleperformance, Florentino Fernández, denunciou que "a data de 12 de agosto non temos ningunha nova por parte da empresa" sobre "que vai acontecer co proceso de deslocalización despois de máis dun mes de que lle fixeramos chegar unha batería de preguntas".