Folga na planta de Lousame

O presidente do comité de empresa denuncia os servizos mínimos "abusivos" decretados pola compañía para a folga desta segunda feira. Segundo sinalan desde o comité de empresa, o problema da planta é "a falta de xerencia" e de "competencias" da Mancomunidade, que está "desmantelada"

O comité da planta de Lousame manifestouse hoxe, na véspera dunha nova xornada de folga. (Foto: Comité).
photo_camera O comité da planta de Lousame manifestouse hoxe, na véspera dunha nova xornada de folga. (Foto: Comité).

O comité de empresa da planta de residuos de Lousame levou a cabo unha manifestación este domingo en Noia, na véspera dunha nova xornada de folga para reclamar a continuidade da súa actividade e ante os avisos que pon en dúbida a súa viabilidade.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o presidente do comité, Ángel Brantuas, quen subliña que son 160 os traballadores que ven perigar os seus postos ante os rumores de "recortes". E é que polo momento, segundo indica, "falan de que non hai viabilidade" e da eliminación da quenda de noite.

En 2023 acábase o contrato e o cadro teme "ir á rúa", de aí o paro, que xa se convocou a finais de agosto e tamén estivo acompañado dunha manifestación.

Neste caso, a marcha á que se sumaron os traballadores da planta de residuos de Lousame desenvolveuse na mañá deste domingo en Noia.

"Contra o desmantelamento"

Centos de veciños sumáronse este domingo aos traballadores da planta de residuos de Lousame nunha manifestación decorrida en Noia pola continuidade e en contra do "desmantelamento" das súas instalacións, que dan emprego a unhas 150 persoas.

Así o explica a Europa Press o presidente do comité de empresa, Ángel Brantuas, quen recoñece estar "emocionado" polo "apoio bestial" mostrado pola cidadanía dos concellos da Mancomunidade do Barbanza aos que dá servizo a planta.

"Resultou moi ben sentirse apoiado non só na defensa dos postos de traballo, senón do sistema de tratamento de recollida de lixo", destaca o sindicalista, quen tamén subliña a presenza de membros de asociacións ecoloxistas, de responsábeis comarcais do BNG e, mesmo, do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

A manifestación, encabezada por unha gran pancarta, partiu ás 12 horas do Campo de Noia para logo atravesar a ponte e transcorrer polo dique até a zona de San Lázaro. Despois, as e os participantes na protesta deron a volta á rotonda para concluír no Concello.

Segundo sinala o presidente do comité de empresa, o problema da planta é "a falta de xerencia" e de "competencias" da Mancomunidade, que está "desmantelada".

Por mor diso, relata Brantuas, a empresa negocia "sen pór en aviso aos traballadores" sobre novas formas de tratamento de lixo, sobre unha posíbel redución de quendas "como o de noite" e, mesmo, estuda como adherirse a Sogama, a empresa pública da Xunta para a xestión dos residuos.

Xunto a isto, está a circunstancia de que en 2023 remata o contrato coa compañía. Estes cambios poderían implicar "recortes" que afectarían, segundo cálculos do comité de empresa, ao "40 por cento" da contorna de 150 traballadores que hai na planta de Lousame, que ademais -reivindica- ten "un sistema moi válido, de proximidade, máis ecolóxico e máis limpo" que o de Sogama.

Folga nesta segunda feira

Neste contexto, hai unha folga convocada para esta segunda feira e que afectará á recollida de lixo de oito concellos: os da mancomunidade Serra do Barbanza (o propio Lousame, Brión, Carnota, Muros, Noia e Porto do Son) e a Ames e Rois, adheridos a esta instalación.

Respecto diso, o presidente do comité denuncia que a empresa non presentase até a sexta feira o decreto dos servizos mínimos, situados no 90 por cento para a recollida de lixo.

Considera que son "absolutamente abusivos" e lamenta que, aínda que está denunciado ante a xustiza por vulneración ao dereito a folga, as medidas cautelares "non van chegar" a tempo.

Comentarios