A mala xestión da planta de Lousame leva o persoal a pedir a intervención da Xunta

Os traballadores e traballadoras da planta convocan unha mobilización este domingo en Porto do Son en defensa dos empregos e da continuidade do modelo de recuperación de residuos.
O persoal da planta de residuos de Serviá, en Lousame, volverá saír este domingo á rúa para reclamar unha mellora na xestión da planta (Foto: Nós Diario).
photo_camera O persoal da planta de residuos de Serviá, en Lousame, volverá saír este domingo á rúa. (Foto: Nós Diario).

A planta de tratamento de residuos da Mancomunidade do Barbanza en Lousame leva anos arrastrando problemas de xestión. Ante esta situación, o comité de empresa vén de convocar unha mobilización este domingo en Porto do Son para reclamar a intervención da Xunta, co fin de que garanta tanto os empregos como o modelo de xestión.

Segundo denunciaron onte en rolda de prensa as representantes sindicais de CIG, CCOO e UXT no comité, a planta de Lousame, xestionada por FCC, arrastra toda unha serie de problemas derivados da xestión dos seis concellos que forman a mancomunidade e dos tres adheridos. "Non crearon unha estrutura, non contaban cunha persoa responsábel para a súa xestión. Teñen unha presidencia rotatoria. Cada ano tocáballe a un alcalde e cada alcalde utilizaba a secretaria ou secretario do concello ou persoal propio municipal para facer fronte á xestión cotiá: facturas, investimentos, seguimento do cumprimento do contrato por parte de FCC…", relatan os sindicatos.

Esta situación levou, ao seu entender, a xerar unha gran débeda que a partir do sétimo ano derivou en problemas de pagamento. "Non quixeron actualizar as subas que lle tiñan que aplicar a FCC, entre elas as derivadas dos custos laborais. Foron a xuízo e evidentemente perderon". Indican que a partir de aí empezouse a xudicializar a relación coa empresa, que se foi deteriorando co paso dos anos.

O mesmo pasa coas instalacións, que teñen xa 20 anos e requiren dunha actualización, igual que a maquinaria que empregan tanto na xestión como na recollida e tratamento do lixo.

O vertedoiro está por riba da súa capacidade, con 25.000 toneladas máis das que se fixaron cando foi deseñado, en parte polo incremento de lixo durante a pandemia e a falta de traballo asociada ao confinamento. "O lixo estivo tres meses sen tratarse, porque o persoal non ía traballar en planta, só se recollía", apuntan desde o comité.

Intervención da Xunta

Os traballadores e traballadoras da planta entenden que a actual situación fai necesaria a intervención dunha segunda administración, que ha de nomear unha persoa para a xestión, un corpo directivo e "unha mínima estrutura da mancomunidade".

Neste senso, xa solicitaron unha entrevista á conselleira de Medio Ambiente para instar a  Xunta a que interveña e, de cara ao novo concurso, se contemple o novo vertedoiro para material rexeitado ou se chegue con Sogama a un acordo para que se poida levar alí, unha vez se realice en planta a selección manual.

Tamén reclaman a compra dunha volteadora dentro do plan para adecuar as instalacións á produción de compost de calidade, incluíndo a renovación da flota de camións e que se retomen as campañas de sensibilización nos concellos sobre a selección de residuos en orixe porque "un mal depósito do lixo en orixe dificulta e encarece enormemente a elaboración de compost e fai que sexa de peor calidade", explican desde o comité de empresa.

De non ser a Xunta, a representación do cadro de persoal entende que debería ser a Deputación, con competencia en residuos sólidos urbanos, a que asuma a xestión da planta.

Sen renunciar ao modelo

A xestión da planta volverá saír a concurso en 2023 e os traballadores e traballadoras teñen claro que non queren cambiar de modelo e converter a de Lousame nunha simple planta de transferencia de Sogama. "Deixaríase de facer a selección manual de residuos que se fai agora, cargaríanse dúas quendas, e levarían todo o material rexeitado, tras facer a selección básica en Lousame, a queimar en Cerceda". Isto suporía unha importante redución do persoal na planta na que traballan unhas 160 persoas, das que o 60% son mulleres.

O modelo de xestión de residuos levou a situar a planta de Lousame como a de maior porcentaxe de reciclaxe do Estado español e entre as primeiras de Europa. "Camiñar cara a ese outro modelo desvirtuaría totalmente o concibido para esta planta", advirten.

Comentarios