Parlamento

BNG e PSdeG piden reprobar o director da CRTVG e o PP rexéitao afirmando que é "populismo"

"En realidade o que buscan é máis tempo para Ana Pontón nos informativos e maioría de tertulianos afíns nos debates e faladoiros", dixo a deputada 'popular' Carmen Pomar, en resposta á moción defendida polo BNG, que se suma a outra proposición non de lei da bancada socialista encamiñada na mesma liña.
Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera O pleno rexeitou co voto en contra do PP e o 'si' de BNG e PSdeG a reprobación de Sánchez Izquierdo. (Foto: Parlamento)

O BNG e o PSdeG pediron esta terza feira a reprobación do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no pleno da Cámara galega, unha reclamación que non saíu adiante ao contar co rexeitamento do grupo maioritario, o do Partido Popular. Durante o debate da moción, presentada polo Bloque e apoiada polos socialistas, decorreu ás portas do Pazo do Hórreo unha concentración convocada polo comité intercentros da CRTVG, que avanzou que proximamente prevén determinar novas xornadas de folga contra os "abusos" por parte da dirección.

No hemiciclo, a deputada nacionalista María González Albert defendeu a reprobación de Sánchez Izquierdo pola situación que atravesan actualmente a TVG e a Radio Galega e o "incumprimento reiterado" da Lei de medios da Galiza. Na súa intervención, a parlamentaria acusou o PP de levar a cabo un "desmantelamento planificado" dos medios públicos galegos e dirixiuse á bancada 'popular' para lembrar que os 124 millóns de euros que os orzamentos de 2022 destinaban á corporación son "da cidadanía". "Non son seus, nin do goberno", sostivo, para asegurar que os galegos e galegas delegan na Xunta para que leve a cabo unha xestión "cun mínimo de eficiencia e cumprindo o obxectivo que ten que cumprir".

Fronte a iso e após lamentar que "dea reparo" falar de "calidade e obxectividade" nos informativos da radio e a televisión públicas, denunciou tamén as "represalias e castigos" aos profesionais que deciden "tratar de manter a súa independencia informativa".

Pola súa parte, a deputada socialista Noa Díaz incidiu en que o tempo do director xeral "está máis que esgotado" despois de 14 anos no posto a pesar de que a lei marca que se debe renovar "cada cinco anos". "Hai cuestións suficientes para demostrar que, se hai sentido de país, toca unha nova dirección cun proxecto de país e non cun proxecto do PP", dixo.

Tamén censurou que continúe sen aprobarse o estatuto profesional, así como o consello de informativos que vele pola "independencia e obxectividade". Aliás, denunciou a vulneración dos dereitos dos traballadores, "como acreditan centos de sentenzas", a falta de respecto ao dereito de folga e ao idioma galego.

O PP fala de "populismo"

Do outro lado, a deputada do PP Carmen Pomar asegurou que o "acoso" do BNG e do PSdeG á CRTVG é a "estratexia propia dos populismos en relación cos medios de comunicación", ao "máis puro estilo de Trump". "Cuestionan a independencia do director xeral da CRTVG, que nunca foi en ningunha lista electoral, mentres que algunha das persoas que encabezan as protestas por esta falta de independencia, que vostedes avalan, van nas súas listas electorais", sostivo Pomar.

Tamén dixo que, "do mesmo modo que o trumpismo", "converten no seu principal inimigo a CRTVG, que sofre as consecuencias deste clima hostil e convértena en chivo expiatorio ao que demonizar e humillar de forma crecente". Carmen Pomar, que cualificou a moción defendida polo BNG de "propagandista", criticou que a oposición queira relevar o director xeral "porque é independente". "Non está ao servizo de ninguén, non lle poden dar ordes, non lle poden facer as escaletas dos telexornais nin lle poden impor a que actos van ou non as cámaras da TVG, porque en realidade o que buscan é máis tempo para Ana Pontón nos informativos e maioría de tertulianos afíns nos debates e faladoiros", sostivo.

Na xornada desta terza feira a Cámara galega acolle o debate doutra iniciativa sobre a CRTVG, neste caso unha proposición non de lei do PSdeG, tamén para reclamar a reprobación do director xeral e pedir o cesamento das "represalias" contra os traballadores.

Comentarios