A Galiza é o segundo territorio do Estado con máis grandes fortunas

Hai unha persoa rica por cada 350 habitantes. A Galiza é un dos territorios que ten os salarios e pensións entre as máis baixas.

Imaxe do porto deportivo Juan Carlos I, Sanxenxo. (Foto: Mancomunidade do Salnés) #sanxenxo #porto #portodeportivo
photo_camera Imaxe do porto deportivo Juan Carlos I, Sanxenxo. (Foto: Mancomunidade do Salnés)

A comunidade de Madrid concentra 19.090 contribuíntes con grandes fortunas, aquelas que declaran patrimonios superiores aos 30 millóns de euros, e encabeza a clasificación como a rexión española cun maior patrimonio medio declarado por contribuínte: 10,2 millóns de euros, de acordo con datos da Axencia Tributaria sobre a recadación do Imposto de Patrimonio recollidos por Europa Press.

Na segunda posición sitúase a Galiza, un dos territorio do Estado coas pensións e  salarios máis baixos e no que o patrimonio medio dunha persoa rica anda de media por volta dos 6 millóns e o número de contribuíntes por este imposto abeira as 8.000. Os salarios galegos 10% por baixo da media do Estado.

Porén, ese posto no podio explícase polo domicilio na Galiza do fundador e socio maioritario de Inditex, Amancio Ortega, a súa muller e os seus fillos, que están no cumio da lista Forbes dos máis ricos do Estado.

No conxunto do Estado a cifra de ricos é de 202.437, así que na Galiza reside 4%. Canda Madrid, Galiza é o territorio que concentra as maiores fortunas.

Así pois, na Galiza hai unha persoa rica por cada 350 habitantes, porcentaxe moi superior á que se dá en boa parte dos territorios do Estado español. O país cos salarios e as pensións máis baixas é tamén terra dalgunhas das fortunas máis importantes. 

 Estamos logo perto das 8.000 persoas ricas residindo aquí, cando en 2011 a cifra que integraba esa listaxe de afortunados non chegaba a 7.200. Nunha década, por volta de 800 ricos e ricas máis. Daquela, 2011, o patrimonio que na Galiza posuían as persoas ricas era de menos de 25.500 millóns de euros.

O informe "Panorama fiscal autonómico de 2021" do Consello Xeral de Economistas Asesores Fiscais (Reaf), situaba a Galiza como o terceiro territorio que menos grava as persoas con maiores ingresos.

Comentarios