Paulo Carril encabeza a única candidatura ao VIII Congreso da CIG

É a primeira cita congresual co sindicato nacionalista como forza maioritaria e á mesma asistirán delegacións dunha vintena de países.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Imaxe Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Foto: Nós Diario)

Unha única candidatura, encabezada polo actual secretario xeral Paulo Carril, concorrerá á Executiva Confederal e Secretaría Xeral no VIII Congreso da CIG, que terá lugar este sábado en Santiago de Compostela.

Rematado o prazo de presentación de candidaturas confírmase que só unha concorrerá a este Congreso, que a CIG non dubida en cualificar de “histórico” porque é o primeiro que a CIG afronta como primeira forza sindical en Galiza en representatividade, afiliación e mobilización.

Máis de 600 delegados e delegadas elixidas polas federacións nas distintas comarcas, tomarán parte no congreso

Máis de 600 delegados e delegadas elixidas polas federacións nas distintas comarcas, xunto cos membros do Consello Confederal e da Comisión de Garantías, analizarán neste VIII Congreso o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e definirán os obxectivos que se fixa a central sindical para o vindeiro período.

Baixo a lema Forza para avanzar, o VIII Congreso da CIG desenvolverase a partir das 9:30 horas no Pazo de Congresos da capital galega. Entre os principais obxectivos do Congreso Carril apuntara consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical; reforzar a organización sindical e a loita pola soberanía nacional.

Delegacións internacionais

Nesta cita tomarán parte delegacións dunha vintena de países. Entre as convidadas estarán a CTC de Cuba; a CGTP de Portugal; os sindicatos vascos ELA, LAB ou a Intersindical catalana; delegacións de varios estados de Latinoamérica como Brasil, Chile e Uruguai ou de países africanos da lusofonía como Cabo Verde xunto con representantes do Sahara Occidental e de Palestina, entre outros.

Ademais, arredor do Congreso está previsto un acto en conmemoración do centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e a lembranza do que foi o seu líder, Antonio Soto, coñecido na Arxentina como “Gallego Soto”, que terá lugar esta quinta feira e no  que participarán membros da CUT de Chile e da CTA de Arxentina.

Xunto a isto está prevista a celebración dun Seminario Internacional, a partir das 10:00 da sexta feirza, baixo o lema “Na defensa do traballo na era Covid-19”, no que participarán todas as delegacións internacionais presentes no Congreso e que será clausurado por Paulo Carril.

Comentarios