CIG consolídase como primeira forza sindical na Galiza

Con 4.548 delegados e delegadas. É o sindicato máis votado en comarcas como Vigo, A Coruña, Ferrol ou Santiago. É primeira forza en sectores como Industria, Sanidade, Ensino, Construción ou Servizos.

 

Susana Méndez e Paulo carril CIG (Arxina)
photo_camera Susana Méndez e Paulo Carril (Arxina)

A CIG consolídase como a primeira forza sindical na Galiza, con 4.548 delegados e delegadas, fronte as 3.990 de UGT e 3.982 de CCOO. “Un resultado histórico”, cualifica o sindicato nacionalista, cuxo secretario xeral, Paulo Carril, considera que ese avanzo está “en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real  fronte á explotación de clase”.

Os datos de representatividade sindical na Galiza -correspondente ao período de eleccións sindicais 2016-2019, rematado o pasado 31 de decembro- indican que a CIG é primeira forza  nas comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra e Vigo, mais tamén nas unións locais de Cee, As Pontes, A Mariña, Verín, O Salnés, O Morrazo e O Porriño.

CIG é primeira forza en comarcas como Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra

Federacións

Por federacións, a CIG é a forza sindical máis representativa na Administración Pública, na Construción, na Industria, na Sanidade, en Servizos e no Ensino Público. Nas federación de Banca e da FGAMT (que aglutina Transporte, Alimentación, Téxtil e Mar) foi a única central sindical das tres que sobe en delegadas e delegadas.

Diante destas resultados, a secretaria de Organización, Susana Méndez, quixo agradecer a confianza depositada na central sindical. Un resultados que se conseguiron “con moito esforzo e traballo colectivo” e que precisarán, para se manteren, do “esforzo, traballo, compromiso e, sobre todo, da loita colectiva, a través dunha organización reforzada, as únicas ferramentas para conseguilo”.

Por federacións, a CIG é a forza sindical máis representativa na Administración Pública, na Construción, na Industria, na Sanidade, en Servizos e no Ensino Público

Paulo Carril subliñou que hai 40 anos, cos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista, ou hai 26, cando naceu a CIG, era “impensábel” obter estes resultados que son hoxe “unha realidade imparábel”.

Resultados sindicais

O secretario xeral da CIG manifestou a vontade de diálogo e de negociación cos gobernos galego, español e coa patronal, da central sindical, mais exixiu “que o practiquen de verdade”. Rexeitou, porén, o chamado diálogo social que practican CCOO e UGT porque “só está ao servizo de lexitimar as peores políticas do PP en Galiza ou apoiando a continuidade das reformas laborais e das pensións ou o incremento do SMI que fixa un salario mínimo con catro anos de atraso respecto do que establece a Carta Social Europea”.

Traxectoria

Catro décadas após a súa construción, o sindicalismo nacionalista sitúase como principal forza entre a poboación asalariada de Galiza. Un paso logrado a través destes anos, non exentos de dificultades e divisións. Como lembra Manuel Mera en ‘Eleccións sindicais e mobilización’, o sindicalismo nacionalista non tomou parte nas eleccións do Sindicato Vertical de 1975, apostando no boicot, vía que tamén elixíu UXT. Non así CCOO e USO, que presentaron candidaturas conxuntas.

O 1 de abril entrou en vigor o Real Decreto que permitía a libre asociación sindical e o 2 de xuño suprimíase a afiliación obrigatoria ao Sindicato Vertical. As primeira eleccións sindicais foron no primeiro trimestre de 1978 e CCOO foi clara vencedora, con 2.388 delegados e delegadas, 35% do total,. A UXT logrou 1.481 representantes.

Como sinala Mera no referido artigo, “Porén a gran sorpresa destas eleccións foi a ING que, carecendo dos recursos que CCOO, a UXT, e mesmo de USO, acadou 1.072 delegados e delegadas, un 15% do total. Superando á CSUT, que tiña moita implantación na construción e no transporte, e que conseguía 617. A USO acadou 271. O nacionalismo daba un salto decisivo, que sería fundamental para a súa expansión”.

Comentarios