Medra o paro na Galiza mentres 48% das familias teñen dificultade para chegar a fin de mes

O desemprego creceu na Galiza 1,55%, a un ritmo 158% máis alto que no conxunto do Estado español (0,6%). A Seguridade Social perdeu no país 5.985 persoas cotizantes en setembro.
Os servizos lideraron a suba do paro na economía galega, cun incremento de 2.227 persoas máis en desemprego neste sector (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera Os servizos lideraron a suba do paro na economía galega, cun incremento de 2.227 persoas máis en desemprego neste sector (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

O Ministerio de Traballo do Estado español deu esta terza feira a coñecer os datos de paro durante o mes de setembro. A Galiza rexistrou unha suba 158% maior que a do conxunto do Estado (de 0,6%), cun incremento de 1,55%, ficando as persoas en situación de desemprego en 144.109 (1.197 máis que no mes de agosto).

Ademais, a Seguridade Social perdeu unha media de 5.985 persoas cotizantes en setembro na Galiza (-0,57%) en relación co mes anterior, até situarse en 1.049.346. O paro na Galiza en setembro subiu en todas as actividades: no sector servizos (2.227), na industria (91), na construción (26) e na agricultura (15). Baixou, por contra, no colectivo sen emprego anterior, con 162 persoas desempregadas menos.

Con respecto á variación anual, descendeu en 8.945 persoas en comparación con setembro de 2021, 5,84%. Ademais, rexistrouse un total de 204.912 persoas demandantes de emprego, 29.697 delas ocupadas e 156.565 non ocupadas. Estas últimas son 3.587 máis que en agosto (2,34%), aínda que 8.425 menos que 12 meses atrás (-5,11%).

Por outra parte, en setembro había 10.173 persoas estranxeiras en desemprego, 464 máis que en agosto (4,78%) e 102 máis que en setembro do pasado ano (1,01%). Os contratos a estranxeiras foron 7.859, sendo 742 máis que en agosto (10,43%) e 922 menos que en setembro de 2021 (-10,50%). 

En cifras xerais, rexistráronse na Galiza 81.005 contratos, 28.744 indefinidos e 52.261 temporais. En total, son 9.222 máis que en agosto (12,85%) mais 15.610 menos que en setembro de 2021 (-16,16%). Os contratos repartíronse entre agricultura (5.500), industria (13.036), construción (3.036) e servizos (59.433). 

Os contratos indefinidos subiron en 7.871 respecto ao mes anterior (37,71%) e incrementáronse en 20.330 en comparación con setembro de 2021 (241,62%). Mentres, os contratos temporais tiveron unha repunta de 1.351 en variación mensual (2,65%) mais reducíronse en 35.940 se o que se ten en conta é a evolución anual (-40,75%). No acumulado, son 659.823 contratos, deles 210.084 indefinidos, 31,84% do total, e os restantes 449.739 temporais, o que supón unha cifra de 68,16%.

En agosto (os datos das prestacións van sempre cun mes de atraso) houbo un total de 30.607 solicitudes de prestacións de desemprego e 29.216 altas, cun prazo medio de recoñecemento de 0,94 días. As persoas beneficiarias situáronse en 82.930.

Reaccións sindicais

A CIG resaltou como "especialmente preocupante a caída da afiliación á Seguridade Social, que case triplicou o medre do desemprego con 6.169 persoas menos afiliadas en alta que en agosto", o que supón, "que hai perto de 4.000 persoas que quedaron sen traballo mais que non se anotaron no SEPE". O sindicato tamén destacou que a temporalidade "mantense en porcentaxes semellantes a antes da última reforma".

CCOO sinalou que "os indicadores na Galiza son peores que no conxunto do Estado e, de feito, é a cuarta autonomía onde máis sobe o paro". Comisións defendeu que "é o momento de que arrimen o ombreiro aquelas persoas con mais recursos".

UXT cualificou de "dato moi positivo" a contratación indefinida. Porén, resaltou a necesidade de "fechar os miles de convenios bloqueados" e "alcanzar un acordo xeral de salarios" coa patronal.

48% das familias teñen dificultade para chegar a fin de mes

Un total de 43% dos fogares galegos chegou con dificultade a fin de mes e 5,26% fíxoo con moita dificultade no terceiro trimestre, segundo a enquisa que publicou esta terza feira o Instituto Galego de Estatística (IGE). Mentres, 51,74% chegou con facilidade ou moita facilidade a fin de mes.

Así, con respecto ao trimestre anterior, aumentou, en concreto en 0,14 puntos, o número de fogares galegos que chegan con dificultade a fin de mes, de acordo coa enquisa do IGE.

En evolución anual, en relación co terceiro trimestre de 2021, os que chegan con facilidade ou moita facilidade soben en 3,96 puntos porcentuais. Ademais, diminúe en 4,05 puntos entre ambos os períodos a porcentaxe de fogares que chegan con dificultade a fin de mes mais crece en 0,09 puntos o daqueles que o fan con moita dificultade.

Comentarios