O paro baixa en 5.188 persoas na Galiza, cunha alza dos contratos indefinidos

O sector servizos lidera o descenso do desemprego no país, onde as contratacións aumentan, porén, a un ritmo significativamente inferior ao do conxunto do Estado español.
Oficina de emprego, paro foto de arxina
photo_camera Na Galiza hai hoxe 10,6% menos de persoas paradas que hai xusto un ano. (Foto: Arxina)

O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego ficou nun total de 140.932 na Galiza no pasado mes de xuño, o que supón un descenso de 5.188 persoas, a terceira maior diminución en cifras globais entre territorios do Estado español, segundo vén de informar o Ministerio de Traballo.

Así, o número de persoas paradas cae 10,6% en comparanza co mesmo mes de 2021 —no conxunto do Estado a caída é de 20,3%—, mentres na comparativa mensual —tomando maio como referencia— diminúe 3,55% na Galiza e 1,45% na media estatal. Así, supón o menor rexistro de desemprego no país desde agosto de 2007, cando había 140.299 persoas en busca activa de traballo.

Por sectores, o dos servizos lidera a caída do paro (-3.673), con 98.786 desempregados en total. Séguelle a industria (-814), con 15.138 parados. Na agricultura baixa en 337, con 5.069 parados.

O descenso na construción é de 297 (10.150 en total), e tamén baixa o grupo de "sen emprego anterior" (-69), que acumula un total de 11.789. Aliás, hai 10.015 desempregados estranxeiros na Galiza.

A contratación indefinida, en aumento

No que atinxe aos contratos, o país sumou 80.342 en xuño, o que supón 10.785 máis que o mes anterior (+15,5%), malia que retroceden a respecto do sexto mes de 2021 en 5.622 (-6,5%).

Do total, 29.795 foron indefinidos e 50.547, temporais. Así, os indefinidos seguen á alza: son 3.388 máis que en maio (+12,8%) e dispáranse máis de 300% a respecto de hai un ano, pois son 22.389 máis.

Os temporais, pola súa parte, medran en 7.397 (+17,14%) fronte a maio, pero baixan 35,7% na comparativa interanual, é dicir, 28.011 menos. No acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e xuño, son 420.312 os contratos asinados na Galiza, 31% deles indefinidos e os 69% restantes, temporais.

Comentarios