A ILP polo emprego da CIG, a debate esta terza feira no Parlamento

Máis de 31.000 sinaturas apoian a ILP polo emprego que esta terza feira defende no Parlamento de Galiza o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. O debate (apartir das 10 h, segundo ponto na orde do día) pódese acompañar através do web do Parlamento.

[Imaxe: GZ Foto] 1 de Maio de 2016
photo_camera Manifestación da CIG polo emprego

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, será o encargado de presentar esta terza feira a Iniciativa Lexislativa Popular polo emprego no pleno do Parlamento. Unha iniciativa que ten o apoio dunha manchea de concellos, comités de empresa e organizacións sociais.“Agardamos levar unha sorpresa e que o PP sexa tamén sensíbel a esta problemática e que co seu voto faga que as medidas se convertan en propostas de lei, mais temos dúbidas de que se desmarque das políticas que están a desenvolver desde a Xunta, desde onde se está a facer seguidismo do Goberno español e a UE na destrución de emprego e nunha maior precariedade”, sinala Suso Seixo que conta por adiantado co compromiso de todos os grupos da oposición que xa manifestaron o seu apoio á ILP.

En declaracións a Sermos Galiza, o secretario xeral da CIG afirma: “A Iniciativa contou cun apoio social importante, con máis de trinta e unha mil sinaturas e con multitude de persoas que participaron en todos os actos, en especial, nas Marchas en defensa do emprego, con boa acollida tamén nas institucións nas que se presentou, con 33 concellos que votaron a favor”. Seixo fai un balanzo moi positivo da campaña para a recollida de apoios e difusión da ILP que se desenvolveu desde o sindicato nacionalista.

Todos os grupos da oposición garantiron o seu apoio a esta ILP impulsada pola CIG

A Iniciativa Lexislativa Popular leva ao debate político e institucional un dos máis relevantes problemas sociais, o desemprego e as súas consecuencias. Recolle no seu texto cen medidas para o crecemento económico e a creación de emprego e insistirá no grave momento polo que está a atravesar a clase traballadora pola situación provocada pola crise e a aplicación de políticas neoliberais. A CIG buscou desde a presentación pública da iniciativa abrir un debate social e político sobre a destrución do emprego, o empeoramento das condicións laborais, un maior empobrecemento, incremento da emigración, fundamentalmente xuvenil, e aumento dos índices de exclusión e empobrecemento.

O emprego ao primeiro plano 

“Imos ao Parlamento co firme convencemento de que a ILP ten toda a razón de ser perante un problema tan grave. Consideramos fundamental que se cambien as políticas que se están facendo. Asúmese que o problema é importante, mais as políticas que se promoven non van encamiñadas a solucionalo. As políticas de emprego que se están a aplicar están claramente fracasadas e só son sostíbeis desde o punto de vista duns gobernos e un PP que responde aos intereses dos bancos e do capital”, defende Suso Seixo, horas antes de subir á tribuna parlamentar a defender a ILP promovida pola CIG.

O sindicato nacionalista agarda que o debate parlamentar responda á urxencia de pasar a primeiro plano as políticas polo emprego e o crecemento económico e que o masivo apoio recibido tanto por parte da cidadanía como por comités de empresa de multitude de empresas sexa reflectido no debate parlamentar. Canto á resposta política, a CIG reuniuse con todos os grupos parlamentares e, agás o PP, todos anunciaron que apoiarán a iniciativa. O partido no goberno prometeu estudar o texto e manter unha nova xuntanza que, finalmente, non se chegou a producir.

A CIG demanda a transferencia a Galiza das competencias en materia laboral que aínda son do Estado

O sindicato nacionalista recolle no seu texto medidas encamiñadas a demostrar que “é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego” que serían competencias tanto do Parlamento como do Goberno da Xunta, aínda que o Congreso reserva tamén competencias en materia laboral, para o que reclaman que desde as institucións galegas se esixa a súa transferencia.

A ILP presentouse en setembro de 2013 e rexistrouse no mes de outubro, comezando a campaña de busca de apoios e recollida de sinatura na que se acadaron máis do duplo do número preciso para o seu debate en sede parlamentar, un total de 31.232. A iniciativa foi tamén debatida en máis de 60 concellos como moción de apoio. Foi aprobada en máis da metade.  

Comentarios