Os transportistas endurecen as protestas no segundo día de paros

Os piquetes impiden a realización de poxas nos portos galegos.
Unha manifestación cuns 40 vehículos chegou onte até as portas da Xunta, en San Caetano (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Unha manifestación cuns 40 vehículos chegou onte até as portas da Xunta, en San Caetano (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Os piquetes informativos volveron protagonizar onte a segunda xornada de paros no sector do transporte na Galiza en protesta polos altos prezos dos combustíbeis, na que tamén se rexistraron sabotaxes a algúns vehículos, o que, segundo a patronal da loxística, pode ocasionar roturas na cadea de subministración.

As organizacións que convocaron o paro falan dun seguimento de 95%. Como explica a Nós Diario Miriam Otero, secretaria xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor) -entidade que no país secunda o paro-, "non podemos seguir a traballar a perdas. A xente está mellor parada que traballando para perder diñeiro", engade.

Desde a súa organización critican que o Goberno español estea a cobrar 45% de impostos sobre o combustíbel e exixen unha intervención "inmediata" con exención de impostos para poder sortear esta crise. 

Por este motivo, onte desprazáronse a Compostela, onde solicitaron á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que interceda ante o Goberno español para que atenda as súas demandas, xa que argumenta que as empresas "tamén están afogadas por unha inflación galopante", co que non lles poden repercutir a suba dos carburantes. 

Nesta liña, Otero nega que o Executivo estatal non teña marxe de manobra, e sinala que en Portugal o Imposto do Valor Engadido (IVE) sobre os hidrocarburos pasou de 23% a 8% e que Francia e Alemaña acordaron devolver cinco céntimos de maneira inmediata.

Danos a vehículos

Desde a Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), que se descolga das protestas, o seu presidente, Ramón Alonso, recoñece que entre os seus asociados "hai xente que parou, pero a maioría están traballando". O problema, matizou, é que "aos que traballamos, estannos ameazando e extorsionando".

Alonso fala de cortes de rodas, freos e sabotaxes no sistema hidráulico da suspensión dalgúns vehículos xunto ameazas ás persoas condutoras que puideron circular cos seus vehículos á pesar dos piquetes, actos que van denunciar ante a Delegación do Goberno estatal, para o que piden a colaboración das persoas afectadas. Sobre a posición de Apetamcor, o presidente de Fegatramer indica que o que queren "é un acoso e derribo ao Goberno español, e eu a iso non xogo", apuntou. "Se eu teño clientes aos que lles aplico a suba do gasóleo e acéptanma, por que teño que parar?", criticou. E sobre os impostos, aclarou que para os transportistas o IVE "é cero", porque "primeiro se paga pero despois descóntannolo".

Lonxas afectadas

Outra das consecuencias desta segunda xornada de paros no transporte foi que non se puideron realizar as poxas de gando en Silleda debido a que non chegaron os animais. Tampouco se levaron a cabo poxas de peixe  en portos como os de Burela e Celeiro (Viveiro).

No porto de Vigo, o paro afectou ao transporte de peixe a mercados almacenistas, mais si puideron saír a peixarías e negocios de distribución.

 Na Coruña, o presidente da Lonxa, Juan Carlos Corrás, admitiu que a situación é "complicada", xa que, "se xa había barcos parados pola alza dos carburantes, agora hai máis pola protesta dos transportistas". Barcos de arrastre e de cerco, precisa.

Comentarios