Máis un sinistro laboral nas obras do AVE en Galiza

Un operario foi evacuado esta segunda feira após caer nas obras da infraestrutura que se fan en Vilar de Barrio.

vilavella

Un operario que sufriu unha caída cando traballaba nas obras do AVE na estación de Albergueiría (Vilar de Barrio) tivo que ser evacuado pola equipa de Urxencias Sanitarias de Galiza e trasladado ao Hospital de Verín.  Foi un compañeiro quen alertou do suceso a través do 112. Segundo indicou, o home sangraba e perdía a consciencia.

Os sinistros e accidentes laborais nas obras do AVE en Galiza hai tempo que traspasaron a liña vermella, denunciaron desde os sindicatos. Así, en febreiro deste ano o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín decidía  incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense. Unha decisión adoptada  en base á denuncia presentada pola CIG de Verín e A Limia.

Desde a central consideraban que a "concentración de accidentes" laborais rexistrados especialmente no tramo que comprende A Gudiña e Vilar de Barrio, é "de tal magnitude que revela, non só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto" tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral por parte das empresas adxudicatarias como por parte das administracións públicas.

A obra pública máis custosa que se está a desenvolver na Galiza, que devora unha inxente cantidade de diñeiro, que mobiliza un importante número de empresas e firmas (grandes, medianas e pequenas) e que implica niveis extremos de precisión e emprego de moderna e alta tecnoloxía... Pode permitirse cifras como (a finais de 2017) sete traballadores mortos, sinistros graves, casos de xornadas maratonianas, condicións laborais e de seguridade precarias?

Comentarios