A nova vaga de despedimentos na banca deteriora a calidade dos servizos

A reconversión bancaria na Galiza está a afectar -e os prexuízos irán a máis- ás atencións que se fornecen aos usuarios e usuarias do país.
Protesta de traballadoras e traballadores contra o ERE do BBVA en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de traballadoras e traballadores contra o ERE do BBVA en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O sistema financeiro enfronta a segunda quenda do proceso de reconversión bancaria iniciado en 2008 con despedimentos nos grandes operadores do sector que están a ter impacto na Galiza. Segundo sinala a Nós Diario a secretaria da Federación da Banca da CIG, Sefi Romero, “trátase dun proceso planificado polos organismos da Unión Europea (UE), de modo moi particular polo Banco Central Europeo (BCE), que conta co apoio das autoridades españolas e do seu órgano supervisor e que tenta culminar un proceso de concentración financeiro que comezou coa desaparición do sistema de caixas de aforro”.

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) promovido polo Banco de Santander é o que afecta ao maior número de traballadoras e traballadores na Galiza. A este respecto, o conselleiro delegado da entidade, José Antonio Álvarez, adianta 370 despedimentos no país e o fechamento de arredor de 80 sucursais. O grupo Santander é o segundo operador bancario con maior presenza na Galiza, tras Abanca, cun cadro de persoal no país de 1.800 traballadoras e traballadores e cunha forte presenza territorial após a absorción do Banco Popular, propietario do Banco Pastor, unha entidade histórica na Galiza da que foi dona a familia Barrié. 

O BBVA vén de presentar un ERE para 3.200 empregados no Estado español. A decisión adóptaa tras publicar uns beneficios no último cuadrimestre do pasado exercicio de 1.320 millóns de euros e de achegar á súa conta de resultados 8.500 millóns de euros adicionais tras vender a súa filial nos Estados Unidos de América. O grupo, o cuarto en volume e presenza de activos na Galiza, repercute esta decisión na súa clientela, reducindo o horario de atención ao público e fechando oficinas tanto no ámbito urbano como no rural.

A terceira entidade da Galiza, a resultante da fusión entre La Caixa e Bankia, prevé desfacerse de 10% do seu cadro de persoal no país. O grupo, con arredor de 178 sucursais e máis de 830 empregados e empregadas, sitúa entre 90 e 100 as persoas que despedirá nun procedemento colectivo de redución de emprego que afecta perto de 8.200 operarios no conxunto do Estado. A media de idade do persoal da entidade na Galiza, que o representante sindical de CCOO na compañía, Xoán Carlos Viveiro, cifra en 45 anos, introduce novas dificultades.

Romero cuestiona os argumentos empregados polas entidades bancarias para xustificar os ERE. A maiores de que se desenvolven nun momento onde as empresas están a presentar beneficios, a dirixente da CIG denuncia que “sempre se fala de saídas voluntarias e non é certo. Vémolo, por exemplo, no caso do Banco Santander, que está metendo presión a traballadores de entre 40 e 50 anos para que se acollan ás saídas”.

Outro tanto denuncia Viveiro para o caso de La Caixa, que “só aceptará que a metade das saídas sexa de empregados maiores de 50 anos, o que eliminaría boa parte da voluntariedade” nos despedimentos.

A reconversión bancaria está a afectar á calidade dos servizos que se prestan. Romero destaca que “asistimos a un proceso de exclusión bancaria do conxunto da poboación e non só para a xente do rural. A cidadanía acaba facendo o traballo do persoal bancario e non contentos con iso as entidades están encarecendo á clientela o custos dos servizos. É escandaloso que o BBVA cobre aos seus depositarios dous euros por retirar diñeiro en efectivo na oficina”.

Comentarios