Menos da metade de persoas desempregadas cobran prestación

Só 128.998 persoas perciben algunha prestación o que supón menos do 50% das desempregadas.

8268702059_92c004a8fe_z
photo_camera Imaxe de arquivo [Portal PBH // Flickr]

As cifras recollidas polo Ministerio de Traballo en relación coas filiacións á Seguridade Social e a percepción de prestacións por desemprego continúan a reflectir unha escasa cobertura social. E é que só o 49,8% das persoas que están no desemprego contan con algún tipo de axuda --prestación contributiva, subsidio ou Renda de inserción. 

Neste senso, a cifra de persoas beneficiarias é de 128.998 mentres que a taxa de paro rexistrado sitúa en 259.002 as persoas desempregadas. Destarte, pouco máis da metade de parad@s recibe está a recibir algún tipo de axuda nun país, Galiza, en que o número de fogaren nos que todas as persoas activas están desempregadas ascende a 88.400 e en máis de 134 mil aqueles que contan cando menos cunha persoa sen traballo. Isto é, o 12,46% dos fogares totais do noso país. 

Prestacións de entre os 400 euros/mes 

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) alertan de que "son case 123.000 desempregados os que non cobran nada", un dado que din, "é especialmente grave xa que a taxa de cobertura está en tan só o 51%". Aliás, explican, "hai que ter en conta que a maioría de quen perciben algún tipo de prestación non cobra unha contributiva senón un subsidio ou a RAI co que estamos a falar  de ingresos de arredor de 400€ que non permiten vivir a unha persoa e menos a unha familia". Segundo o propio Ministerio español de Traballo a contía media das prestacións é de 780 euros ao mes, 35 euros menos mensais que a media do estado (815 euros). 

CIG: "a maioría de quen perciben algún tipo de prestación cobra arredor de 400€ que non permiten vivir a unha persoa e menos a unha familia"

Segundo os dados publicados da cifra total de persoas beneficiarias (128.998) a maor parte, é dicir, 58.847 perciben subsidios fronte a 57.137 persoas que reciben prestacións contributivas. O número de beneficiari@s da renda de inserción activa (RAI) é de 13.014 persoas. 

"A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de decembro de 2014 foi do 55,6 %, mentres que un ano antes era do 60%", advirten desde CC.OO. "Isto significa que en Galicia xa hai ao pé de 100.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego", acrecentan. 

O "infraemprego" como norma

"O panorama non é, pois, nada esperanzador porque nos atopamos diante dun mercado de traballo cada vez máis deteriorado a consecuencia das profundas reformas laborais do PP", denuncia desde a CIG Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego da central sindical nacionalista. 

CC.OO: "A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de decembro de 2014 foi do 55,6 %, mentres que un ano antes era do 60%"

Neste senso, desde a CIG lamentaron a sentencia do Tribunal Constitucional pola que se avala a reforma laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy en 2012. "O Tribunal Constitucional avala así deixar nunha situación de indefensión á clase traballadora e que se rachen as regras de xogo facendo bascular a situación en beneficio da patronal", explica Malvido. 

Desde a CIG lembran que a reforma "prioriza os convenios de empresa sobre os de sector o que, na práctica, supón deixar nas mans dos empresarios a capacidade para decidir unilateralmente sobre as condicións laborais na súa empresa". Aliás, acrecentan, "abre o camiño para que se establezan así convenios á carta, limitando ao tempo a capacidade coercitiva das organizacións sindicais". 

En síntese, para a central sindical nacionalista o aval outorgado xudicialmente pola máxima instancia senta as bases para que "o infraemprego acabe por se converter na norma neste país empobrecendo masivamente á clase traballadora". 

Comentarios