Convocan unha manifestación en Vigo pola morte dun traballador nun estaleiro: "Urxe frear o modelo de precarización e baixo custo"

Os sindicatos chaman a mobilizarse esta sexta feira para exixir á Inspección de Traballo e a Xunta "máis control" e "maiores medidas de seguridade" nun sector "no que se perde a vida traballando". A empresa, porén, asegura que dispón de "todas as medidas" de prevención e di que o suceso foi debido a "un cúmulo de fatalidades".
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera Guindastres dos estaleiros vigueses. (Foto: Antonio Alcobendas)

Un operario que traballaba no estaleiro Cardama de Vigo faleceu na mañá desta quinta feira ao caerlle a carga dun camión enriba. Segundo informou a Central de Emerxencias 112, o suceso ocorreu pasadas as 11 horas, cando o home, I.C.C., de 42 anos de idade, faleceu tras ser esmagado por un bloque de aceiro de grandes dimensións no momento no que se dispuña a realizar a descarga do mesmo no estaleiro, situado na Avenida de Beiramar da cidade olívica.

Foron mobilizados efectivos sanitarios, da Garda Civil, da Policía e da Autoridade Portuaria. Con todo, nada se puido facer para salvar a vida do home. Fontes sindicais explicaron que se trataría dun axudante dunha empresa auxiliar que nese momento traballaba no estaleiro Cardama. O home estaría a descargar un bloque de aceiro dunhas dez toneladas de peso na entrada do estaleiro cando a peza se lle precipitou enriba.

O suceso non causou máis feridos. Desde a dirección do estaleiro lamentaron a perda do traballador e confirmaron que o home traballaba para unha compañía subcontratada e no momento do accidente atopábase á beira do camión cando a peza caeu. Aliás, subliñaron que a empresa dispón de todas as medidas de prevención necesarias e que este suceso foi debido a un "cúmulo de fatalidades".

Manifestación sindical

CCOO, UXT-FICA e CIG convocaron para esta sexta feira, día 25 de novembro, unha manifestación do sector polo falecemento deste traballador. "O sector vese novamente de loito pola morte dun traballador da industria auxiliar, polo que convoca parada e manifestación", reivindicaron os tres sindicatos nun comunicado conxunto.

Así, os empregados sairán dos diferentes estaleiros vigueses sobre as 9.30 horas para dirixirse ata a delegación territorial da Xunta en Vigo, onde exixirán maiores medidas de seguridade e o retorno das mesas do Sector Naval, entre elas a de prevención de riscos "que leva máis de 12 anos sen convocarse".

Desta maneira, o persoal dos estaleiros e da industria auxiliar reunirase á primeira hora nas empresas, para explicar o sucedido e saír cara á sede da Xunta en Vigo, co obxectivo de chegar alí contra as 11.30 horas.

"É necesario un maior control por parte de Inspección de Traballo das auxiliares piratas que volveron agromar no sector e urxe frear o modelo de presión, precarización e baixo custo que algúns trataron de implantar na ría co beneplácito da Xunta e que levou ao sector a un modelo de negocio ruinoso, sen futuro e onde se perde a vida traballando", lamentaron as organizacións sindicais.

Comentarios