Ampliada até os 26 anos a protección por coidado de crianzas con enfermidade grave e discapacidade de 65%

O Goberno español mellora a prestación a través dun real decreto asinado esta terza feira no Consello de Ministros. Tamén se amplía a cobertura das prestacións económicas en dependencia.
Estenderase a renda de crianza de 100 euros ao mes para un maior número de familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A prestación estenderase até os 26 anos se se acredita unha discapacidade de grao igual ou superior a 65%. (Foto: Nós Diario)

O Goberno español acordou esta terza feira, no derradeiro Consello de Ministros antes das eleccións deste domingo 23 de xullo e a proposta do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, dirixido por José Luis Escrivá, ampliar a protección por coidado de crianzas con cancro ou enfermidade grave até os 23 anos de idade, e até os 26 se se acredita un grao de discapacidade igual ou superior a 65%.

O Executivo aprobou así o real decreto que modifica o RD 1148/2011, que regula a prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, tal e como notificou o propio Ministerio nun comunicado. O texto recolle, entre outras medidas, a ampliación das situacións protexidas co recoñecemento e a cobertura dos afectados até os 23 anos —inicialmente era até os 18— e, en casos dun grao de discapacidade igual ou superior a 65%, até os 26 anos.

Tamén se incorporan os casos de familias monoparentais e inclúese a posibilidade de que resulte beneficiario o cónxuxe ou parella de feito das persoas afectadas pola enfermidade. Para facilitar a xestión desta prestación, fíxase un novo réxime para as prórrogas: o subsidio recoñécese por un mes, prorrogábel inicialmente por un período de dous meses, e, posteriormente, tramitaranse sucesivos períodos de catro meses —antes eran períodos de dous meses—, até que a persoa afectada alcance a idade tope.

A prestación diríxese a proxenitores, adoptantes ou acolledores —e desde agora tamén cónxuxes ou parellas de feito— cun neno enfermo de cancro ou outra enfermidade grave desde 2011 e que reduza a súa xornada laboral, cando menos, en 50% para o coidado da persoa enferma e ten como obxectivo compensar a perda de ingresos. Na actualidade, hai uns 9.700 procesos en vigor, cuxa duración media é de 502 días. Máis de 80% das prestacións recoñecidas diríxense a mulleres.

Dependencia

O Consello de Ministros tamén deu luz verde hoxe a unha mellora das prestacións do Sistema de Atención á Dependencia, que beneficiará cando menos unhas 750.000 persoas en todo o Estado, grazas ao aumento de horas de atención en domicilios ou unha contía mínima para todos os territorios.

Con esta reforma recupéranse e mellóranse os tres tipos de prestacións económicas en dependencia: as de coidados na contorna familiar, que aumentan 17,65%, e as vinculadas ao servizo e de asistencia persoal, por volta de 4,5 %, detallou a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, na rolda de prensa posterior á reunión semanal en Moncloa.

Comentarios