O teletraballo, materia pendente na Galiza: redúcese en 2023 e o país fica á cola da UE

Só 11,7% das e dos traballadores galegos traballan desde a casa con relativa frecuencia, uns 12 puntos menos que a media europea e un dato que só supera a Romanía, Bulgaria, Grecia e Hungría. No Estado español o teletraballo medrou 19,4% o pasado ano.
Unha muller traballando desde a casa. (Foto: Pol Solé)
photo_camera Unha muller traballando desde a casa. (Foto: Nós Diario)

A porcentaxe de persoas acollidas ao teletraballo na Galiza, en relación co total de persoas ocupadas, reduciuse 0,4% no último trimestre de 2023, até  representar unicamente o 11,7%. Esta tendencia é xustamente a inversa á do Estado español, onde medrou no mesmo período até o 13,6% das e dos ocupados, segundo datos fornecidos esta terza feira polo Grupo Adecco.

De acordo co seu estudo Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego para Galicia (II): conciliación, o país rexistrou entre os meses de outubro e decembro do ano pasado 137.500 persoas que teletraballaban, un 5,2% máis en termos absolutos. Con todo, a proporción sobre a ocupación total baixa 0,4% no último ano.

Aínda así, cabe destacar que esta porcentaxe é 2,9 puntos porcentuais maior á de 2019, antes de que se estendese coa pandemia o traballo a distancia. Ademais, é a quinta proporción máis elevada de todos os territorios do Estado. E a nivel estatal, após sete trimestres consecutivos en que o número de teletraballadores minguaba na comparación interanual, o ano 2023 mostrou incrementos en cada trimestre.

No conxunto estatal, hai 3,06 millóns de persoas que traballan polo menos ocasionalmente desde o seu fogar, un 19,4% máis que un ano antes. A proporción de teletraballadores no total de ocupados é de 13,6%, uns 2,6 puntos porcentuais por riba do dato máis alto da serie histórica, de marzo de 2021.

Con todo, a fenda do Estado con respecto á Unión Europea incrementouse ao remate de 2023 con respecto a un ano atrás, ao ficar até 10,5 puntos por baixo. O dato galego é aínda máis baixo, xa que Galiza só supera en proporción de teletraballo a Romanía, Bulgaria, Grecia e Hungría.

Comentarios