A folga de fame iniciouse ás 6 horas do día 1 de xullo en protesta polo que cualifican como despedimentos “inxustos” e “sen precedentes” de dous traballadores, afiliados á CIG, da fábrica PSA-Citroën. Os dous membros da sección sindical da central nacionalista desenvolven o protesto nas instalacións do servizo médico da propia factoría de Vigo. A CIG defende a falsidade dos argumentos da empresa que explica os despedimentos por incumprimento en materia de seguridade mais, segundo aseguran, non se detectaron consecuencias nos vehículos fabricados.
A folga de fame indefinida é a medida de protesto coa que a sección sindical da CIG responde á decisión da empresa e esixe a readmisión dos dous traballadores despedidos. Aseguran que non hai precedentes a estes despedimentos que, segundo sinalan, carecen de fundamento. “Nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas”, sinalan.
Concentracións ás entradas e saídas
Para apoiar os sindicalistas en greve de fame e contribuír ás medidas de presión para esixir a readmisión dos despedidos, esta cuarta feira están convocadas concentracións ás entradas e saídas das quendas a partir das 13.15 horas na porta principal de PSA-Citroën.