O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación, nomeadamente na factoría PSA Citroën de Vigo. Nestes meses houbo diferentes accións, desde feches a manifestacións, para denunciar esa realidade. Ante a falla de diálogo e respostas por parte da dirección da factoría de Citroën, convocouse unha folga para esta quinta feira por parte de CIG, CCOO, UXT e apoiada pola CUT.
A xornada de folga efectivizarase en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo no seguinte horario: pola maña de 12 a 14 horas; pola tarde de 14 a 16 horas; e na quenda de noite de 22 a 00 horas.
“As traballadoras e traballadores de Citroën non podemos soportar máis esta situación”, afirmaba Manuel Domínguez (CIG) nunha entrevista en Sermos Galiza.