Os sindicatos maniféstanse por uns salarios dignos e contra a pobreza

A CIG, CCOO e UXT realizaron protestas contra a carestía da vida.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (terceiro pola esquerda), durante unha manifestación na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (terceiro pola esquerda), esta quinta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Representantes da CIG mobilizáronse esta quinta feira nas sete cidades para reclamar políticas públicas que "eviten que sexa a clase traballadora quen, unha vez máis, pague a crise" e ao tempo, denunciar "a insuficiencia das medidas contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado". 

A xornada de mobilizacións, precedida de asembleas en todas as comarcas, insírese na campaña da CIG en defensa da aplicación dunha serie de medidas urxentes para "enfrontar a pobreza e exixir salarios dignos e políticas públicas de intervención na economía e nos sectores estratéxicos". 

Nas asembleas, explican desde o sindicato, fíxose un chamado a "xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación, tanto ante as posicións da patronal, na negociación colectiva, como ante os Gobernos galego e español". As cuestións nas que fixo especial fincapé a CIG foron ampliar e mellorar a protección social, rexeitar o pacto de rendas e garantir ingresos dignos.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou que, "alén da gratuidade no transporte ferroviario, non se contemplen nos orzamentos de 2023 partidas para garantir un escudo social eficaz, de ampla cobertura e con carácter estrutural ante os devastadores efectos que a crise e a carestía da vida están a provocar nas maiorías sociais e que, todo parece indicar, irán a peor nos vindeiros meses". 

Carril reclamou "unha decidida intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, nomeadamente na conxuntura actual no sector enerxético e financeiro", ademais "dun verdadeiro plan de choque" na liña das medidas urxentes propostas pola CIG "para frear os efectos dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise".

Concentración de CCOO e UXT na Coruña

Os sindicatos CCOO e UXT realizaron unha concentración esta quinta feira na Coruña en demanda de subas salariais que garantan o mantemento do poder de compra ante unha suba dos prezos desbocada. 

Ademais, coincidindo coa celebración do 7 de outubro,  Xornada Mundial polo Traballo Decente, CCOO e UXT convocan esta sexta feira mobilizacións en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Con estas mobilizacións "preténdese defender ás persoas traballadoras nun momento difícil a nivel económico e social cun crecemento da inflación e do custe da vida desbocados, demandar ás patronais que se senten para fechar os convenios bloqueados e obter un acordo xeral de salarios", explicaron os sindicatos.

"Que os salarios suban para garantir o mantemento do poder de compra das persoas traballadoras é unha cuestión de xustiza social que, ademais,contribuirá a xerar consumo e emprego", concluíron as dúas centrais sindicais.

Máis mobilización sindical na cidade herculina

Unha representación dos sindicatos ANPE (Sindicato do ensino público), CCP (Comisión de Coordinación Pedagóxica), Fasga (Federación de Asociacións Sindicais Independente), Fetico (Confederación Sindical Independente), FINE (Forza, Independencia e Emprego), FSIE (Sindicato da ensinanza privada), SATSE (Sindicato da enfermaría), SLT (Sindicato Libre de Transporte) e USO (Unión Sindical Obreira) concentrouse esta quinta feira ante a Delegación do Goberno estatal na Coruña para exixir unha actuación urxente que permita ás persoas traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido.

Comentarios