A CIG critica a negociación "pola porta de atrás" da suba salarial do persoal público entre o Goberno español e sindicatos estatais

A central sindical anuncia unha mobilización ante a Delegación do Goberno estatal na Coruña o 14 de outubro para denunciar esta situación.
Manuel G. Moreira, Luís Carballo e Suso Bermello en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel G. Moreira, Luís Carballo e Suso Bermello en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A área pública da CIG manifestou o seu "máis rotundo rexeitamento" á negociación que se está desenvolvendo entre o Goberno estatal e as organizacións sindicais CSIF, CCOO e UXT, burlando a Mesa Xeral das Administracións públicas e pactando, pola porta de atrás, unha suba salarial do persoal do sector público.

Segundo a central sindical galega, esta suba aboca os traballadores e traballadoras deste sector a unha perda de poder adquisitivo, entre 2010 e 2024, de 33%".

Ademais, lamentou que se trate dunha negociación da que "foi excluída a CIG, sindicato máis representativo e maioritario no sector na Galiza".

Así o explicaron os secretarios nacionais da CIG-Ensino, Suso Bermello, CIG-Administración, Luis Carballo, e CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, que anunciaron unha mobilización ante a Delegación do Goberno estatal na Coruña o 14 de outubro para denunciar esta situación.

Sen convocatoria da Mesa Xeral

Luís Carballo desmentiu que se estea convocando a Mesa Xeral, "como din os sindicatos estatais", e denunciou que se está a levar a cabo unha "negociación previa [entre sindicatos estatais e Goberno español] para levar algo pactado”. Unha negociación na que, ademais, están acordando “unha nova perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos”, afirmou Carballo.

Suso Bermello cualificou estes pactos "aos que están chegando os sindicatos estatais sen ningún tipo de amparo legal" de "mesa camilla”, e como “unha nova traizón ás empregados e empregados públicos”.

Bermello criticou a proposta da ministra de Facenda, María Jesús Montero, a eses sindicatos, "que se traduce, no peor dos casos, en que a suba retributiva destes 3 anos sería de 6% e que, para poder incrementar esa porcentaxe até 9%, habería que ir cumprindo unha serie de requisitos".

Outra das propostas que se “vende como compensación dentro da proposta do Executivo estatal é a xornada de 35 horas", agregou Moreira, que explicou que "non se poderá aplicar na sanidade pública". “A aplicación da taxa de reposición ten un efecto especial no noso caso”, dixo, “porque impide planificar os recursos en función das necesidades”.

Comentarios