A fenda salarial entre homes e mulleres é de case 5.000 euros na Galiza

As mulleres perciben, de media, un salario similar ao que cobraban os homes hai 13 anos

Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grovem na comarca do Salnés (Foto: Atunlo).
photo_camera Operarias na factoría conserveira de Atunlo no Grovem na comarca do Salnés (Foto: Atunlo).

UXT denuncia, con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial —que se conmemora o 22 de febreiro— que a fenda salarial existente na Galiza é do 19%, de forma que as mulleres cobran case 5.000 euros menos que os homes.

Nun comunicado, o sindicato alerta de que esta fenda ascende ao 30,4% no sector privado. E é que as mulleres perciben, de media, un salario similar ao que cobraban os homes hai 13 anos, de maneira que deixan de percibir uns 2.500 millóns de euros anuais.

Segundo os datos da Enquisa Anual de Estrutura Salarial de 2021, que realiza o Instituto Nacional de Estatística (INE), a fenda salarial tamén afecta a 34% das mulleres cobra pensións de xubilación.

No 2022 (últimos datos dispoñibles da AEAT), o 40,2% das mulleres asalariadas teñen ingresos menores ou iguais ao salario mínimo interprofesional (SMI), o que contrasta co 27,4% que supón nos homes.

Igualmente, as mulleres galegas son as terceiras pola cola en retribución por hora traballada (13,99 euros), só por detrás das mulleres de Canarias (13,73 euros) e de Murcia (13,74 euros).

O salario medio das traballadoras galegas é un 9,8% inferior á media do Estado español

O salario medio das mulleres galegas é de 20.904,37 euros ó ano, fronte ós 23.175,95 de media do Estado español. É dicir, un 9,8% menos de salario para as traballadoras galegas. Pero é que esta diferenza pode alcanzar o 25,6% no caso de comunidades como a de Euskadi.

Galiza é a sexta comunidade autónoma pola cola en retribución media anual ás mulleres, ten por abaixo a Castela e León, País Valencià, Murcia, Andalucía e Estremadura.

Por estes motivos, desde UXT chaman as empresas a cumprir a normativa vixente en materia de igualdade retributiva recollida no Estatuto das Traballadoras, e exixen plans de actuación da Inspección de Traballo, con criterios claros sobre rexistros retrbutivos.

Comentarios