Fandicosta, ano e medio para se recuperar dun incendio devastador

O presidente cifra entre 14 e 18 millóns de euros as perdas só en maquinaria no incendio que arrasou as instalacións da empresa e augura que terá que aplicar un ERE. O BNG pide apoio total de todas as administracións, como se fixo en Campofrío.

Instalacións de Fandicosta (Foto: Nós Diario).

O incendio que arrasou esta segunda feira o 60% das instalacións de Fandicosta, a sétima industria pesqueira do Estado, en Domaio supón só en maquinaria unhas perdas de entre 14 e 18 millóns de euros, segundo recoñece o propietario da empresa, que augura que tardarán ano e medio en recuperar a actividade ao nivel que tiñan. En declaracións recollidas polo Faro de Vigo, Martínez Varela mesmo apuntou a que entraba no probábel que tivesen que aplicar un ERE, que afectaría un cento dos 200 empregados. “A reconstrución é dua porque os danos foron considerábeis”, sinala.

O incendio, que comezou sobre as 17:45 horas da segunda feira, obrigou incluso activar a alerta 1 da Xunta. Alén dos danos en maquinaria e instalacións, as lapas tamén acabaron con 8.000 toneladas de peixe. Fandicista era unha das 100 pricnipais empresas de Galiza,cunha facturación de perto de 100 millóns de euros.

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a primeira hora a Moaña para trasladar todo o apoio do BNG os traballadores e traballadoras e á dirección da empresa. Na visita, onde estivo acompañada pola alcaldesa de Moaña e o de Bueu, reclamou unha implicación rápida e decidida de todas as administracións públicas, similar a que o goberno central tivo no sinistro de Campofrio en Burgos, para garantir unha pronta recuperación do 100% da actividade, así como a permanencia de todos os empregos. 

ERE por causa maior

A CIG vén de reclamar a implicación das Administracións públicas para que se poida retomar canto antes actividade.A dirección da empresa xa lle confirmou ao comité (4 delegados da UGT, 3 de CCOO e 2 da CIG) que parte do persoal vai ser trasladado temporalmente a unha das empresas do grupo en Vigo, ao tempo que anunciou a presentación dun ERE por causa maior. “A parte social e empresarial quedou de volver conversar a finais desta semana para abordar os detalles do ERE e ver como vai ser distribuído o persoal”.

Antecedentes

Nos últimos anos, varias naves de procesado de peixe e frigoríficas da Ría de Vigo sofreron importantes incendios.Pereira, no Berbés (2005), Frigoríficos Berbés e Lago Paganini (2011), Antonio Alonso (2012), Freiremar (2015).

Comentarios