Todo o que precisas saber sobre os exames libres para mariñeiro pescador, patrón local e patrón costeiro

O prazo de matrícula para estas probas de libre acceso abre esta segunda feira.
Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).
photo_camera Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).

A Consellaría do Mar abre esta segunda feira o prazo de matrícula para os exames comúns de carácter libre para as titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

O prazo de matriculación ficará aberto até o 14 de marzo e as probas, de carácter teórico e práctico, realizaranse no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Para mariñeiro pescador, o exame teórico-práctico será o día 25 de abril nos tres centros formativos dependentes da Xunta. O mesmo ocorre no caso das titulacións de patrón local de pesca —sección máquinas—, o próximo 26 de abril, e no caso das de patrón local de pesca —sección ponte e común—, co exame o 27 de abril.

Por último, as probas para a titulación de patrón costeiro polivalente —sección máquinas— serán o 28 e 29 de abril e as de patrón costeiro polivalente —sección ponte— terán lugar o 2 e o 3 de maio.

As persoas interesadas en participar nas probas terán que cumprimentar a solicitude que figura como anexo II da Orde do Diario Oficial da Galiza (DOG) e cumprir as condicións de acceso estabelecidas para as distintas titulacións. O modelo de solicitude, así como os requisitos para concorrer, está dispoñíbel na Guía de Procedementos e Servizos da Administración galega.

As solicitudes deberán presentarse, preferibelmente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta da Galiza. Con todo, a Consellaría especifica que opcionalmente tamén poderán tramitarse de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros estabelecidos na normativa ou formalizarse directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen as e os aspirantes.

Unha vez finalizado o prazo de solicitude de inscrición farase pública a listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos na páxina web da Consellaría e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de dez días hábiles para que os excluídos poidan emendar as deficiencias.

Comentarios