Elas, as empobrecidas

A Tesouraría Xeral da Seguridade Social vén de estrear unha nova estatística sobre asalariadas e asalariados que analiza a base de cotización, é dicir a remuneración mensual bruta que inclúen as pagas extras prorrateadas. Nestas cifras aparece a cotización de cada persoa e as prestacións que as persoas ocupadas perciben en toda a súa vida laboral e cando chegan á idade de xubilación. Eis un estrato da peza publicada no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza.
f1_TemaPrimeira (2)

A importancia de contar cos novos datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social en relación ás bases de cotización vai máis alá do estudo dunha situación actual preocupante. A economista e integrante da Plataforma Feminista Galega, Carmen Castro, explica a Sermos Galiza que “son verdadeiramente relevantes” pola súa implicación futura. “A base de cotización da carreira profesional, cando existen baleiros de tempos de saída do mercado laboral e de tempos de entrada, é un factor moi indicativo para determinar as pensións”, indica.

As cifras están actualizadas a xuño de 2019 e explican de xeito moi ilustrativo a máis que evidente fenda salarial entre homes e mulleres a nivel nacional e tamén estatal. Tendo en conta os períodos do informe, as mulleres na Galiza en xaneiro de 2018 cotizaban de media 1.486,2 euros e chegaban en xuño de 2019 a 1.529,2 euros. Os homes, pola contra, cotizaban 1.804,7 euros en xaneiro de 2018 e en xuño de 2019 pasaron a cotizar 1.845 euros.

m1_TemaPrimeira (2)

“Esta diferenza ten unha relación directa coa fenda salarial despois nas  pensións”, sinala Carmen Castro, “complementa e confirma o que estamos a ver e denunciar desde o movemento feminista e mesmo desde o sindicato de inspectores e inspectoras de Facenda (Gestha), que  todos os anos elabora o seu informe”, engade.

Diferenzas xeográficas, por idade e actividades

Se estudamos as cifras desta estatística, veremos que a fenda salarial é maior na costa que no interior. Unha explicación podería ser a maior cotización por parte de mulleres e homes na franxa máis habitada da Galiza. A diferenza entre a cotización media dos homes e as mulleres é de algo máis de 330 euros na costa e supera os 240 euros no interior. A Seguridade Social non facilitou os datos galegos por  idades, actividade económica e tipo de contrato e xornada laboral mais, segundo fontes oficiais, son semellantes aos estatais. Por tramos de idade, tamén a nivel estatal, a base media de cotización de menor cantidade, 922 euros, é a que teñen os que cotizan con menos de 25 anos, e nas mulleres a base media é menor, de 846 euros, cantidade que medra a medida que aumenta a idade, entre os 25 e 59 anos, e descende a partir dos 60 anos.

A nivel estatal en todas as actividades económicas a base media das mulleres é inferior á base dos homes. As principais diferenzas aprécianse nas empregadas en actividades do fogar; actividades financeiras e de seguros; actividades profesionais, científicas e técnicas; e actividades sanitarias e de servizos sociais.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios