Dúas persoas perden a vida nun accidente laboral na Cañiza

O suceso tivo lugar nunha planta de reciclaxe. 
Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
photo_camera Emerxencia 112 Galiza (Foto: 112).

Dous operarios, un home e unha muller, faleceron nun accidente laboral no municipio da Cañiza (A Paradanta) tras quedar atrapados baixo uns sacos de plástico derretido.

Segundo informou o 112, foi ao fío das 2 horas deste sábado cando un traballador da planta de reciclaxe deu a voz de alarma e indicou que estaban atrapados baixo uns sacos de granza.

O home explicou que estaba noutra zona da planta de reciclaxe de plásticos situada no polígono industrial e, cando se achegou, a situación era xa irreversible.

A central de emerxencias mobilizou ao GES-Bombeiros de Ponteareas e ao GES de Ribadavia, así como aos Bombeiros de Baixo Miño, que descartaron intervir tras confirmar cos compañeiros xa desprazados que había medios e recursos suficientes para facer fronte ao rescate.

Pola súa banda, Urxencias Sanitarias da Galiza-061 mobilizou até o punto unha ambulancia asistencial de SVB e persoal sanitario do PAC da Cañiza.

Ademais, no operativo tamén participou a Garda Civil e foron informados os psicólogos do Grupo de Intervención especializada en graves emerxencias e catástrofes.

Comentarios