Ensino

A Policía identifica e desaloxa os docentes que se fecharon en Educación para reunirse co conselleiro

CIG, STEG e CSIF lamentan a actitude do conselleiro Román Rodríguez, que lles negou o encontro.
A Policía identificou e desaloxou os participantes no feche nas dependencias da Consellaría. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Policía identificou e desaloxou os participantes no feche nas dependencias da Consellaría. (Foto: Nós Diario)

Identificados e desaloxados pola Policía, así rematou esta cuarta feira o feche de pouco máis de tres horas e media que protagonizou  unha ducia de representantes sindicais nas dependencias da Consellaría de Educación para pedir unha reunión co conselleiro, Román Rodríguez, para tratar a problemática dos horarios e as ratios. "Mandar a Policía e negarse sequera a fixar unha reunión non é unha actitude moi democrática que se diga", sinalaba a Nós Diario Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, momentos despois do desaloxo.

O sindicato maioritario no ensino participou neste feche canda STEG e CSIF, as outras dúas organizacións que fan parte da unidade de acción contra o "acordo da vergoña". Así cualifican o pacto atinxido en outubro pola Consellaría cos sindicatos CCOO, UXT e ANPE, pois non contén os "mínimos" que se reivindican en cuestións como ratios ou horarios, entre outras.

O feche comezou sobre as 10.45 e o desloxo produciuse por volta das 14.30. Durante ese tempo, poucas novas tiveron do conselleiro. "O seu equipo escudouse en que hoxe [por hoxe] tiña actos fóra de San Caetano [sede onde está a Consellaría, en Compostela], mais negouse a estabelecer unha data para recibir a representación maioritaria do persoal docente do ensino público galego", indica a central nacionalista.

Malestar nos docentes

Pola súa parte, Lois Pérez, do  Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG), sinalou a Nós Diario que con este feche procurábase "que se nos garantise unha xuntanza, unha reunión para poder expor cara a cara as reivindicacións do profesorado e atopar unha solución". Para Pérez, hai un "cabreo notábel" entre o persoal docente polo pacto da Consellaría, e lamenta que desde o departamento dirixido por Román Rodríguez se "lideren algunhas das políticas máis restritivas no Estado para o ensino", en referencia á carga horaria do profesorado.

Na mesma liña, Rosa Silva (CSIF-Ensino), afirmou en conversa con este medio, que "hai moito descontento nos centros de ensino" polo acordo asinado entre a Consellaría e as outras centrais. Avoga por "sentar todos a falar e chegarmos a un acordo". As tres centrais xa anunciaron que manterán as accións reivindicativas e lembran que as folgas e mobilizacións convocadas nao longo das semanas pasadas tiveron unha resposta "ampla" do profesorado.

Man tendida

"Non imos consentir que se siga desprezando así o colectivo docente. Amosamos a nosa vontade negociadora a dilatar en dous anos a recuperación das 18 e 21 horas lectivas que vimos recortadas hai 12 e 14 anos respectivamente e a que a aplicación da redución das ratios en todas as etapas educativas teña como duración o máximo tempo de cada unha delas", apuntou Bermello.

As tres organizacións sindicais lembran que levan desde o pasado día 2 de novembro con apelacións ao titular de Educación da Xunta da Galiza  a que reciba os sindicatos que representan a maioría do corpo docente e "rectifique o acordo asinado cunha minoría". A última vez que se dirixiron ao conselleiro de Educación foi mediante un escrito que lle foi remitido o pasado día 4 de decembro e ao que, "ao igual que hoxe [por hoxe], lle seguiu o silencio por resposta".

Comentarios