Ensino

Representantes de CIG-Ensino, STEG e CSIF féchanse na Consellaría de Educación para que os reciba o conselleiro

Os representantes sindicais aseguran que non abandonarán o edificio até seren recibidos polo conselleiro.
Representantes sindicais fechados na Consellaría de Educación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes sindicais fechados na Consellaría de Educación (Foto: Nós Diario).

Representantes dos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF fecháronse esta cuarta feira en San Caetano á espera de que os reciba o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

“Tras o éxito das mobilizacións protagonizadas este primeiro trimestre de curso polo profesorado galego e a solicitude reiterada de reunións co conselleiro de Educación por parte das tres organizacións que representan 60% do colectivo docente do ensino público galego non universitario, varios representantes das mesmas acudiron a San Caetano para exixir ese encontro e pretenden permanecer nas dependencias da Xunta da Galiza até obter unha resposta en firme”, aseguran a través dun comunicado ao que tivo acceso Nós Diario.

O pasado 4 de decembro, nun comunicado conxunto, CIG-Ensino, STEG e CSIF instaban o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a escoitar “a maioría do profesorado, que puxo de manifesto tanto nos centros como nas rúas que outro acordo é necesario e posíbel”.

Compromiso do profesorado

No documento remitido ao titular de Educación, CIG-Ensino, STEG e CSIF parabenizaban o profesorado galego por mostrar “un enorme compromiso e dignidade coa súa participación nas diferentes mobilizacións, desde as accións de protesta nos centros até as manifestacións nas rúas, así como nas dúas xornadas de folga”.

Aliás, a finais do pasado mes de novembro os tres sindicatos saíron á rúa nunha gran manifestación para rexeitar o acordo asinado entre CCOO, ANPE e UXT co Goberno galego.

Comentarios