Díaz promete acometer a redución de xornada aínda que non a apoie a patronal e facer "disuasorio" o despedimento

Á ministra gustaríalle que ese acordo para reducir o tempo de traballo conte co apoio de sindicatos e patronal, pero non descartou a posibilidade de que sexa "bipartito" e a parte representante dos empresarios non colabore.
A ministra Yolanda Díaz, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A ministra Yolanda Díaz, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, comprometeuse esta segunda feira a levar a redución da xornada laboral até as 37,5 horas ao abeiro do diálogo social, con sindicatos e patronal, pero advertiu de que seguirá adiante coa medida aínda que a parte empresarial non estea de acordo. Tamén acometerá unha reforma do despedimento para que se adecúe á Carta Social Europea e conseguir así que sexa "disuasorio".

Son as principais conclusións que deixou a vicepresidenta na súa comparecencia na Comisión de Traballo do Congreso para presentar as principais liñas de actuación do seu departamento para esta XV Lexislatura. En concreto, Díaz asegurou que a redución da xornada, que beneficiaría uns 12 millóns de persoas asalariadas no sector privado, será o principal reto do Ministerio, de maneira que centrará boa parte dos esforzos da carteira no marco do diálogo social.

Ao seu xuízo, esta reforma é apoiada tamén por votantes "de dereita e extrema dereita", segundo unha enquisa á que fixo alusión. Así mesmo, defendeu que a redución do tempo permitirá "mellorar a compatibilidade do tempo de traballo co resto dos usos do tempo, a repartición equilibrada das tarefas de coidados, a formación, o lecer ou a participación social".

Á ministra gustaríalle que ese acordo para reducir o tempo de traballo conte co apoio de sindicatos e patronal, pero non descartou a posibilidade de que sexa "bipartito" e a parte representante dos empresarios non colabore. "A min gustaríame que fose tripartito, se non pode ser tripartito, será bipartito, pero imos facelo, iso si, no marco do diálogo social", explicou.

Despedimentos

Alén desta meta, Yolanda Díaz tamén se comprometeu a reformar o despedimento para que se adecue á Carta Social Europea, a fin de que este sexa "disuasorio" para a empresa e que non poida "despedir sen causa" o empregado. Neste marco, tamén se inclúe a reforma do cesamento do despedimento automático ante a oficialización de determinadas invalideces.

Entre outros anuncios, a ministra avanzou que se vai a convocar á mesa de diálogo social para avaliar a sinistralidade laboral e buscar solucións conxuntas que permitan erradicar este problema.

Sumado a todo isto, Díaz quere convocar a unha comisión de persoas expertas para comezar a elaborar o 'Estatuto do Traballo do século XXI', segundo a ministra uno dos "grandes camiños pendentes a percorrer". Tamén indicou a vicepresidenta que, con carácter inminente, traballarase co resto de grupos o texto da transposición da directiva de transparencia nas condicións laborais.

Comentarios