O medo a perder o emprego contrae as vendas de Nadal

A Federación Galega de Comercio constata desconfianza entre as persoas consumidoras, que reducen o gasto nas súas compras de Nadal.
Adega dá consellos para un nadal sostíbel (Foto: María José López / Europa Press).
photo_camera O Nadal de 2020 está a ser diferente por causa da Covid-19 (Foto: María José López / Europa Press).

A Covid-19 vai provocar que o Nadal de 2020 sexa diferente a todos os demais, e iso tamén vai ter repercusións no consumo. O temor á perda de emprego unha vez finalicen os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) está a provocar unha contracción das compras típicas desta época do ano, advirte o presidente da Federación Galega de Comercio, Xosé María Seixas.

Segundo explicou onte no transcurso dun acto no que participou xunto ao director do Igape, Fernando Guldrís, e ao director  xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, no que presentaron o balance de axudas da Xunta ao sector a través dos cheques de dixitalización, Seixas recoñece que o sector detecta "desconfianza" das persoas consumidoras. "Non é seguro que cando se acaben os ERTE se manteña o emprego. O consumidor sábeo. Hai desconfianza do que vai vir e iso retrae as vendas do comercio, que está a vender menos", sinalou.

Neste sentido, o directivo da Federación Galega de Comercio deu por feito que "non vai ser un Nadal como os outros" e "vai ser difícil" conseguir bos datos. Ademais, a caída da facturación no que vai de ano "é moi importante" e "por moi ben que vaia a campaña non vai cubrir o resto do ano", apuntou.

Axudas á dixitalización

Unha das saídas que procuran moitos comerciantes para darlle a volta a esta situación é probar sorte co comercio en liña. Neste senso, o director do Igape valorou o "esforzo" destes negocios para "adaptarse" ao actual panorama.

Pola súa banda, o presidente dos comerciantes galegos  chamou a atención sobre que "ninguén dubida" desta "necesidade", cuxos resultados "se aceleraron" coa pandemia.

A modo de exemplo, expuxo que nos "tres meses de restricións de mobilidade concentrouse practicamente o mesmo número de compradores en liña que en 2019". Ademais, segundo os seus datos, 29,7% das persoas que mercaron online aseguraron incrementar a súa actividade de compra. En canto ao gasto medio realizado durante este período, Seixas situouno entre 101 e 500 euros.

Con todo, recoñeceu que os ERTE, que afectan tanto ao comercio como a outros sectores, están a ser un "hándicap" importante na presente campaña de Nadal do comercio galego.

Comentarios