Denuncian que o Sergas limita que as súas traballadoras dean lactación materna

Segundo explica a CIG, cando as traballadoras solicitan unha adaptación de posto por lactación materna, este procedemento “é pouco áxil e frecuentemente ocorre que se adapten mal ou incluso que sexan denegadas”.
As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)
photo_camera As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denuncia que no Sergas non existe unha adaptación real dos postos de traballo, o que leva a que as mulleres teñan que abandonar a lactación materna.

Por iso, o sindicato nacionalista exixe “medidas de protección á lactación materna natural”.

Segundo explica a CIG, cando as traballadoras solicitan unha adaptación de posto por lactación materna, este procedemento “é pouco áxil e frecuentemente ocorre que se adapten mal ou incluso que sexan denegadas”.

Afirma que, ademais, están sendo denegadas adaptacións de posto por exceder dos nove meses da crianza, porque o Sergas “basea a adaptación do posto tendo en conta a prestación por risco laboral na lactación materna e non no feito en si de dar lactación materna natural”.

“Tampouco existen espazos adaptados que garantan tanto a extracción de leite como que se poidan aleitar as crianzas en condicións que se garanta a intimidade e seguridade”, engaden.

A CIG-Saúde lembra que as xerencias dos hospitais deben ter todos os postos coas súas avaliacións de riscos feitas, onde se identifiquen os riscos específicos para a lactación materna.

Exixencias

Por iso exixe a avaliación específica de todos os postos de traballo en canto á lactación materna natural para que a adaptación sexa áxil e inmediata; que a adaptación de posto se manteña até que a traballadora decida rematar coa lactación materna, en consonancia coas recomendacións da OMS, sociedades científicas e mesmo o Sergas sobre promoción da lactación prolongada e que se dispoña dun espazo de lactación no seu centro, ou ben para aleitar a súa crianza, ou para a extracción do leite materno en condicións de intimidade e seguridade.

Comentarios