Ampla maioría no Congreso, malia o 'non' de Vox e a abstención do PP, para apoiar a redución da xornada laboral

A proposición non de lei de Sumar busca implementar unha redución da xornada laboral de aplicación progresiva, empezando por fixar un tope de 38,5 horas efectivas en 2024.
A vicepresidenta Yolanda Díaz, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta Yolanda Díaz, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Pleno do Congreso aprobou esta quinta feira, cunha ampla maioría, unha proposición non de lei de Sumar que pretende baixar a xornada laboral até as 38,5 horas este mesmo ano garantindo que isto non se traduza nunha redución salarial, co único voto en contra de Vox e a abstención de PP e Junts.

Trátase da primeira iniciativa sobre a redución de xornada que a Cámara Baixa debateu e votado despois de que PSOE e Sumar incluísen a proposta no seu acordo de Goberno. En concreto, o texto aprobado insta Moncloa a abrir "con carácter urxente" un proceso de diálogo social que culmine coa modificación do Estatuto dos Traballadores, así como das disposicións pertinentes, para incorporar unha redución da xornada laboral de aplicación progresiva, empezando por fixar un tope de 38,5 horas efectivas en 2024.

Iso si, a proposta que se aprobou é a segunda iniciativa que Sumar rexistra no Congreso por este asunto en pouco máis de dous meses. A que se apoiou esta quinta feira é menos exixente que a presentada en decembro de 2023, cando se instaba o Goberno para acometer a redución sen apelar ao diálogo social e pondo como tope 37,5 horas semanais, abrindo a porta a un pacto cos axentes sociais para baixar até as 32 horas.

O respaldo do Congreso á PNL coincide coas negociacións entre o Ministerio de Traballo e os axentes sociais para dixitalizar o rexistro horario, de forma que xa non se poida consignar en papel, e para que a Inspección de Traballo poida ter acceso en remoto ao mesmo para garantir que se cumpre a redución da xornada laboral.

Catro décadas sen baixar das 40 horas

No texto da proposición non de lei lémbrase que pasaron xa 104 anos desde que se acometeu a útlima redución da xornada laboral máxima até as oito horas diarias, e máis de 40 anos sen que se altere o limiar das 40 horas semanais, a pesar das "moi distintas condicións económicas, laborais e sociais".

Sumar opina que esta "conxelación" da duración da xornada máxima sitúa o Estado español "lonxe dunha aplicación correcta do artigo 24 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos". A formación de Yolanda Díaz apunta que son máis de 10,5 millóns as persoas asalariadas do sector privado que teñen unha xornada habitual superior ás 37,5 horas de media á semana.

Os motivos que xustifican a redución de xornada, segundo o grupo confederal, pasan por unha repartición igualitaria das tarefas de coidado, unha maior conciliación entre a vida laboral e persoal, unha diminución da exposición aos riscos laborais, mellores condicións de saúde física e mental, un impacto ambiental positivo e máis tempo que poderá ser destinado á formación, o lecer ou a participación social.

Comentarios