"Un xefe obrigouna a ter sexo con el baixo presión": 127 xornalistas denuncian estes casos de acoso sexual e violencia machista

Comentarios incómodos, tocamentos, chantaxe sexual, presións, fontes violentas, bolseiras acosadas e abusos de poder son algunhas das agresións que relatan as participantes. 60% das consultadas traballa no ámbito da televisión, dos gabinetes e da prensa escrita, aínda que hai representación de todos os formatos e medios.

Xornalistas e comunicadoras galegas denuncian as violencias sufridas no exercicio da súa profesión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
  1. Abuso de poder dos xefes
  2. As xefas
  3. Cousificación e sexualización: o físico das mulleres, a debate
  4. As redaccións, terreo hostil
  5. O abuso de poder das fontes
  6. Políticos
  7. Ninguneadas
  8. Desprotección das bolseiras
  9. A “credibilidade” das voces masculinas
  10. Maternidade sen dereitos
  11. Sen novas sobre os protocolos contra a violencia machista

A asociación Xornalistas Galegas, colectivo en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista, realizou entre outubro e novembro de 2023 unha consulta á que responderon 127 xornalistas e comunicadoras galegas asociadas e achegadas. A consulta, que forma parte das accións que o colectivo desenvolve co gallo do Día internacional para a erradicación da violencia de xénero, ten como obxectivo visibilizar situacións vividas no exercicio profesional do xornalismo ou da comunicación arredor do acoso sexual.

Achégase a este contexto tanto de modo cualitativo, co relato testemuñal das profesionais, mais tamén aproximándose cuantitativamente a temas vencellados, como a existencia e o coñecemento de protocolos de actuación fronte ao acoso dentro das empresas da comunicación. Tres de cada dez xornalistas e comunicadoras galegas consultadas afirmou que tivo que soportar ou ser testemuña de acoso ou agresión sexuais na contorna laboral. Case oito de cada dez (78%) asegura que sufriu en primeira persoa comentarios ou actitudes machistas no seu traballo por parte de compañeiros, xefes, clientes ou fontes. E 86% foi testemuña de comentarios ou actitudes machistas cara a outras mulleres.

Ademais das preguntas concretas en relación coa violencia machista formuladas na consulta, Xornalistas Galegas convidou as participantes a exemplificar a discriminación que se vive no día a día da profesión co testemuño real de calquera situación vivida en primeira persoa.

Nos relatos repítense os esquemas machistas independentemente do ámbito da comunicación no que as profesionais desenvolven o seu traballo: comentarios incómodos, tocamentos, chantaxe sexual, presións, violencia das fontes, acoso ás bolseiras e abusos de poder son denuncias recorrentes, tanto no ámbito da televisión, prensa escrita e gabinetes, ao que pertencen 60% das consultadas, como no resto de formatos e medios, todos eles representados na consulta. En canto á idade, a maioría das profesionais que respostaron (60%) ten entre 36 e 50 anos, seguidas pola franxa de entre 20 e 35 anos (20%) e a que vai de 51 a 56 (20%).

A fin de reflectir en primeira persoa a percepción das xornalistas galegas sobre o machismo no seu ámbito de traballo, Xornalistas Galegas pon a disposición pública todos os testemuños recollidos, garantindo o anonimato das relatoras, e agrupados por temáticas recorrentes. Nós Diario reproduce a seguir eses testemuños:

Abuso de poder dos xefes

“Case todas as situacións incómodas que presenciei están relacionadas con abuso de poder por parte dos xefes”. Un dos testemuños anónimos recollidos por Xornalistas Galegas apunta directamente ás persoas integradas nas cúpulas directivas das empresas e entidades de comunicación, tradicionalmente copadas por homes e, aínda a día de hoxe, carentes da perspectiva de xénero necesaria non só á hora de aplicala aos contidos, senón tamén ás condicións nas que as xornalistas desenvolven o seu traballo diario.

Entre os bloques temáticos nos que se agrupan os relatos das 127 comunicadoras consultadas, o relativo ás xefaturas é maioritario. Son tamén os testemuños que máis apuntan cara ao acoso e a agresión sexual.

  • “Case todas as situacións incómodas (que presenciei) están relacionadas con abuso de poder por parte dos 'xefes': comentarios sobre a vestimenta; sobre outras funcións que debería exercer, extralimitándose da súa responsabilidade profesional sobre min; correos falando do que suscitaba nel a presenza de determinada muller e acoso sexual directo: bicos ou tocamentos non consentidos”.
  • “Comentarios dun xefe do tipo: 'Porque estás casada, que, se non, non me escapabas'”.
  • “Cando traballaba na prensa, acabada de saír da facultade, ao peche, en máis dunha ocasión o xefe da redacción pedíame que ‘lle dese unha volta’ a algún titular coa intención de que quedara máis tempo ata estar case sós, momento no que aproveitaba para tontear descaradamente ou insinuarse. Aprendín, grazas a outras compañeiras que xa o sufriran, a apurar moito e deixarlle as páxinas á xefa de sección para así non ter que quedar con el”.
  • “El tiña un cargo de responsabilidade. Colleu confianzas que eu non lle dera. Eu non quería verme fóra do círculo e, aínda que estaba incómoda, o mundo arredor dicíame que aquilo estaba ben”.
  • “Unha persoa con cargo superior chancea co peito de cada unha das subordinadas”.
  • “O meu ex é xefe nun xornal do que era colaboradora. Déronse situacións moi desagradábeis de abusos, chantaxes e agresións, até dicir que, se me separaba, encargaríase de que non volvese traballar para ningún medio”.
  • “Tiña que ir sempre falar co meu xefe cunha carpeta para tapar o peito e así tentar conseguir que me mire os ollos”.
  • “O meu xefe non me permitía asistir a viaxes de traballo ‘polo que puidese parecer se alguén o vía entrar cunha moza loira nun hotel’”.
  • “Recibín masaxes nos ombreiros por parte dun superior”.
  • “Berros cara a min, descualificacións, comentarios sobre a miña vestimenta ou a vestimenta das miñas compañeiras en ton despectivo ou de connotacións machistas”.
  • “Cando vaias facer esa entrevista, leva escote”.
  • “Un responsable animábame a ir ‘amañada’ cando tiña entrevistas a políticos”.
  • O xefe da delegación dun periódico díxome: ‘A próxima vez contrato unha bolseira cachonda, que polo menos nos aleda a vista’”.
  • “Fun despedida por negarme a deixar entrar ao director dunha produción audiovisual á miña casa tras unha cea de traballo”.
  • “O meu director non me enviou a cubrir unha noticia que o meu xefe inmediato me propuxera porque dixo que tardaba moito en pintarme (daquela nin siquera me pintaba)”.
  • “Un redactor xefe chamándolle nugallá a unha compañeira que tivera un fillo, dicindo que abondo era que lle deixaran horas libres pola mañá (tiña a redución de xornada legal) para privalo de verlle as curvas”.
  • “O xefe coqueteando cunha compañeira, achegándose moito e preguntándolle a opinión sobre xoguetes sexuais”.
  • “A unha compañeira un xefe obrigouna a ter sexo con el e varios xefes máis baixo presión”.

As xefas

O nomeamento de mulleres en cargos de xefatura non implica per se a implantación da perspectiva feminista. "Observamos que, en demasiados casos, as mulleres xefas fan seus os esquemas tradicionais, contribuíndo a perpetuar as prácticas machistas e as situacións de acoso". Achéganse exemplos na consulta de Xornalistas Galegas.

  • “Escoitei a unha xefa de sección facer comentarios sobre o aspecto, no traballo, ás súas subordinadas, con cuestións como ‘estás mellor maquillada’, por dicir unha. E trátase dunha muller a outra... patético, como pouco”.
  • “Lembro o caso dunha compañeira que, a ollos das encargadas, falaba demasiado cun compañeiro. Chamáronlle a atención (só a ela) porque o distraía e cambiáronlle a quenda”.

Cousificación e sexualización: o físico das mulleres, a debate

A cousificación e sexualización das mulleres é unha constante tamén no ámbito da comunicación. As alusións ao físico constitúen outro dos principais alicerces das prácticas machistas que as mulleres da comunicación de Galicia perciben no seu ámbito profesional. Son frecuentes os comentarios sexuais, pero tamén os xuízos de valor sobre o físico das xornalistas que acaban por condicionar a actividade profesional.

  • “Hai compañeiros que comentan de xeito lascivo a vestimenta doutras traballadoras. A min mesma dixéronme nunha ocasión: ‘Se puidera, arrincábache a camisa’. Foi diante doutro compañeiro. Houbo risas. Non volvín poñer esa camisa”.
  • “Marcoume ter que cambiar a forma de vestir para evitar miradas ou comentarios na radio”.
  • “Repítense comentarios como: traes a saia moi curta, estás para que che poñan un piso... e opinións innecesarias sobre o aspecto físico: estás moi fraca ou moi gorda”.
  • “Presenciei comentarios ofensivos sobre o físico como reporteira en TV en directo”.
  • “Estar cubrindo calquera acto festivo e que se acheguen borrachos preguntándoche: ‘Non queres facerme a min unha entrevista, guapa?’"
  • “Traballo na TV, así que a alusión ao físico das presentadoras é unha constante”. “Comentarios machistas, cousificando, por exemplo, a figura de presentadora”. “Que unha compañeira diga que quere saír en pantalla e que a chamen fea”.

As redaccións, terreo hostil

De modo moi destacado, repítense os testemuños que fan referencia ao ambiente machista imperante nas redaccións dos medios de comunicación. Moitas xornalistas atopan nos seus compañeiros parte do problema no canto de aliados para a solución. As insinuacións sexuais, os clixés sexistas e, no peor dos casos, a agresión sexual física son unha realidade inaceptable que se vive no seo dos medios de comunicación.

As empresas encargadas de desenvolver o xornalismo, concebido como un servizo público a favor do interese común, teñen unha importante asignatura pendente á hora de erradicar a discriminación da metade do seu cadro de persoal.

  • “Os homes facían listas de corpos, tetas, cús. Tivemos que aturar, eu e outras compañeiras, moitos comentarios e chistes de dobres sentidos, convites sexuais e comentarios sobre o noso aspecto”.
  • “Sufrín agresión, como tocamentos non desexados, por parte dun compañeiro cando traballaba en prensa escrita”.
  • “Traballei na radio e sufrín acoso sexual e físico e laboral durante anos por parte de dous ex compañeros da emisora. Un deles agrediume fisicamente”.
  • “Presenciei comentarios sobre o físico, trato de inferioridade, tocamentos”.
  • “Un compañeiro moito maior ca min envioume unha foto na que se lle marcaban os xenitais”.
  • “Descubrín que alguén fixera correr o rumor de que eu mantivera unha relación cun xefe para conseguir un ascenso”.
  • “Recibín ofertas e propostas de carácter sexual sen mediar relación de intimidade previa”.
  • “Escoitei comentarios machistas do tipo: ‘Está menopáusica’”.
  • “Que se acheguen demasiado para explicar algo e ter que pedir que se afasten e ser por iso unha borde”
  • “Son habituais os comentarios machistas asociados a estereotipos; micromachismos que pasan desapercibidos, sobre todo para algúns homes que os teñen tan interiorizados que non se decatan de que poden ferir sensibilidades e constitúen discriminación de xénero”
  • “(Un compañeiro) tentou masaxear o meu costado, aínda que lle pedía que non me tocase”.

O abuso de poder das fontes

Os relatos arredor das actitudes das fontes expertas ás que recorren as xornalistas para realizaren as pezas informativas dan conta do risco potencial que supón este achegamento. Desde insinuacións e comentarios inapropiados a acoso e chantaxe co uso do sexo como ponte para obter información. A consulta de Xornalistas Galegas recolle, a este respecto, numerosos testemuños:

  • “Vivín insinuacións incómodas e convites indebidos”.
  • “Fun conducida polo entrevistado a un espazo reservado coa escusa de amosar algo que resultou ser persoal e nada tiña que ver co motivo da entrevista”.
  • “Un entrevistado deume unha bofetada cando o afastei porque me quixo bicar na boca agarrándome a cabeza. Cando llo contei, o meu xefe díxome: ‘Non podes ir namorando así os homes’”.
  • “Algún convidado fai comentarios fóra de lugar a compañeiras e ninguén lle di nada”. “Experimentei acoso por parte de fontes”.
  • “No caso dunha compañeira, unha fonte ‘confundiu’ a súa amabilidade cun interese amoroso/sexual e mesmo a chantaxeou: ou ían tomar algo xuntos ou negáballe a información que antes lle prometera”.
  • “Houbo fontes que derivaron as conversas profesionais ao plano persoal e íntimo, sen eu dar pé a nada”.
  • “Unha fonte espetoume: douche a exclusiva se ceas comigo”.
  • “Tiven que aturar que, cando cubría o adestramento dun equipo de fútbol sentada no banco, un axente de xogadores vinte anos máis vello ca min me fixera insinuacións”.

Políticos

  • “Un superior (home) dille a un político ao que ía entrevistar unha compañeira nunha campaña electoral: ‘Non te queixes, mira a que che puxemos. Está boa, eh?’”.
  • "’Cantas mozas guapas hai aquí!’. Comentario dun alcalde ás xornalistas ao entrar nunha sala de prensa”.
  • “Un político moi coñecido veu á emisora e entrou ‘saudando’ a compañeira que o ía entrevistar dicíndolle que se ‘duchaba con ela’ cada mañá. A ela cambioulle a cara, pero non dixo nada, e o resto das persoas presentes tampouco”.
  • “Un conselleiro, xa falecido, díxolle a unha compañera: ‘Guapa, que xefe che mandou facer esa pregunta?’”.
  • "’Vaite entrevistar esta periodista tan guapa’. Comentario dun vicerreitor galego a outro convidado de fóra”.
  • “Quen me dera ter trinta anos menos cada vez que falo contigo (frase dun alcalde dirixida a min)”.
  • “Senta aquí (xesto dun exconselleiro ensinándome o seu colo)”.
  • “A próxima vez que veña a un pleno bótolle un polvo e despois bótoa fora (frase dun alcalde a unha xefa miña)”.

Ninguneadas

Son moitas as profesionais que se senten ninguneadas só polo feito de seren mulleres. A credibilidade e a proxección profesional das xornalistas queda en entredito ante as miradas machistas que proliferan en todo o ámbito xornalístico: xefaturas, fontes, contorna... Esta situación agrávase  no xornalismo de deportes, onde a pervivencia de actitudes machistas é elevada.

  • “Entrevistados que responden dirixíndose ao meu compañeiro de traballo cando era eu quen preguntaba”.
  • “(No xornalismo deportivo) minusvalorar o traballo que realizas polo feito de ser mullerou que sorprenda que unha muller realice a información sobre un equipo de primeiro nivel”.
  • “Algunhas fontes, cando lles preguntas, diríxense aos compañeiros reporteiros gráficos só polo feito de seren homes”.
  • “O máis incómodo é que a nosa palabra non vale tanto coma a dos compañeiros”. “Condescendencia: ‘Saberás mirar estes datos?’”.
  • “Coller o teléfono e que o interlocutor me diga que lle pase cun xornalista”.

Desprotección das bolseiras

A precariedade laboral facilita o abuso de poder, tamén o machista. As bolseiras que ciclicamente chegan ás redaccións son un foco estrutural de prácticas machistas que, con frecuencia, se centra nas referencias indebidas ao seu físico e a sexualización do seu traballo. Así o relatan as propias afectadas ou as súas compañeiras:

  • “Cando chegaban as bolseiras vivíanse situacións de verdadeiro acoso. Unha noite que saímos, unha delas acabou chorando e con medo de volver; creo que deixou o xornalismo”.
  • “As mozas que viñan de prácticas eran valoradas por se estaban máis ou menos ‘cachondas’, non pola valía profesional”.
  • “Ao chegaren as compañeiras en prácticas, algúns xefes e compañeiros (outros non) repartían a quen lle ‘entraba’ cada un. Se algunha lles parecía demasiado fea, librábase do acoso”
  • “Cando era bolseira, un colaborador da radio, representante municipal con poder e amigo do xefe, viña pola redacción e facíanos comentarios sobre o noso físico, tocábanos os ombreiros e mirábanos o escote. Era incómodo e non nos atreviamos a dicir nada nin a denuncialo”.
  • “Sendo bolseira, un compañeiro de traballo desabrochoume a cremalleira da blusa ante as risas da redacción”.
  • “O meu superior fíxome insinuacións para ter unha relación íntima que rexeitei. Nunca llo comuniquei á empresa por estar en período de prácticas e por estar aceptado na profesión que as bolseiras tiñamos que soportar comentarios machistas”.
  • “Na entrevista para facer prácticas fixéronme preguntas como ‘Tes mozo? Dóeche a regra?’”.

A “credibilidade” das voces masculinas

Denúnciase a hexemonía de voces expertas masculinas nos contidos informativos. A consulta realizada entre 127 xornalistas e comunicadoras galegas pon de manifesto que, máis alá da metáfora, a voz masculina goza de privilexios reais na radio.

  • “Un director da radio díxome que prefería que un home presentase o informativo porque ‘a voz masculina ten máis credibilidade’”.
  • “Tentaron que as bolseiras marcharamos prohibindo que locutásemos, porque querían voces masculinas”.
  • “Facer un curso de periodismo deportivo radiofónico hai máis de dez anos e que un dos relatores (director dun programa de nivel nacional) diga que non hai mulleres narradoras de fútbol porque o ton agudo é molesto. Grazas ás compañeiras que o deixaron en evidencia”.

Maternidade sen dereitos

Os permisos de maternidade, lonxe de ser entendidos como un logro social colectivo, son motivo de mofa para minusvalorar as mulleres e atacalas. Tamén nas redaccións, onde a maior presenza feminina non anima as direccións a buscar fórmulas que potencien a igualdade e impliquen o home na conciliación e nos coidados.

  • "O delegado dixo, cando unha compañeira marchou por baixa de maternidade, que xa lle gustaría a el ir tanto tempo de vacacións, que ía quedar embarazado para desfrutar de todo ese tempo libre”.
  • “Comentarios despectivos en chats grupais de compañeiros varóns durante a baixa maternal”.
  • “Queixas acerca de compañeiras que están de baixa por maternidade”.
  • "Comentarios como: ‘Mellor que quedaras na casa a limpar’, por non entrar no que din do tema de coidar fillos…”.
  • “Traballaba nun xornal hai algo máis de 15 anos e o xefe de redacción prohibiume saír recoller a miña filla á gardería, que tiña febre, dicíndome: ‘Ti de aquí non marchas’".

Sen novas sobre os protocolos contra a violencia machista

Finalmente, para afondar nas respostas das empresas de comunicación, entidades e institucións ante a realidade machista que describen as xornalistas no seu ámbito profesional, Xornalistas Galegas preguntoulles ás 127 mulleres consultadas polo seu coñecemento en relación aos protocolos contra a violencia machista ou agresións. A este respecto, o 58% das xornalistas consultadas afirma que no seu posto de traballo non existe un protocolo de acoso ou agresión (40,9%) ou que descoñecen a súa existencia (17,3%).

Alén, o 46% das xornalistas en cuxo lugar de traballo existe un protocolo de acoso ou agresión non saben en que consiste (e o 19% teñen só unha lixeira idea).En xeral, a inmensa maioría (81%) das xornalistas e comunicadoras galegas consultadas considera que a empresa na que traballan non informa correctamente dos protocolos de acoso ou agresión. A xuízo dos testemuños achegados voluntaria e espontaneamente por 127 xornalistas galegas, as informadoras carecen de información sobre as ferramentas para garantir a súa dignidade e seguridade.

Comentarios