O comité de Xeal retoma as mobilizacións

O persoal de Xeal comezará novas protestas para exixir a readmisión do membro do comité despedido e para que adopten medidas contundentes contra o condenado por acoso sexual.

Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).

A representación social de Xeal anuncia a convocatoria de concentracións neste mes de febreiro as cuartas feiras 9, 16 e 23 diante da Fabrica de Cee (17.15h.), diante do Concello de Cee (17:30h.) e ante os Edificios Administrativos da Xunta da Galiza en Santiago (de 11 a 12h.).

A través dun comunicado, indican que tomaron esta decisión como medida de presión para exixir “de maneira urxente que se readmita ao compañeiro despedido”. Consideran que a decisión da empresa “ademais de ilegal e que xa foi denunciada, é unha clara represalia polo seu papel como testemuña a favor da traballadora vítima de acoso sexual”.

O Comité demanda, ademais, “que se adopten de inmediato medidas contundentes contra o Coordinador do servizo de Prevención condenado por acoso sexual, o cal segue traballando con total normalidade”.

Lembran que a Inspección de traballo advertiu a Xeal de que “incumpriu unha recomendación relativa a protección da dignidade da muller e do home no traballo”.

Explican que cando a traballadora presentou a denuncia ante a empresa polo presunto acoso sexual, “a empresa en lugar de protexer a traballadora, trasladouna de centro de traballo situándoa perto do presunto acosador” e como consecuencia “a traballadora causou baixa por motivos psicolóxicos”.

Non “amparar comportamentos machistas”

O comité pide que a empresa “debe deixar de amparar este tipo de comportamentos machistas, e son responsábeis de garantir que se respectan os dereitos fundamentais de igualdade e integridade moral de todas as traballadoras e os traballadores e perseguir os comportamentos inadecuados, especialmente cando se dan en situacións nítidas de abuso de poder”.

Por este motivo, acordou retomar as mobilizacións, sen descartar “outras iniciativas institucionais e sindicais”.

Comentarios