A parada no forno de Alcoa pon en perigo 500 empregos

A parada nas obras de construción do forno de ánodos comprometido para o mes de novembro na planta de Alcoa en San Cibrao, Cervo (A Mariña), deixará, segundo o comité de empresa, "sen carga de traballo" "máis de 500 traballadores" das empresas auxiliares. Así o dixo esta sexta feira o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que asegurou que o "bloqueo" do investimento representa un "incumprimento claro do acordo" de viabilidade asinado entre a firma e o persoal da factoría. "O forno está paralizado desde hai catro meses. O 7 de novembro tiñan que estar aprobados os fondos para comezar. O único que dixeron é que empezarían nos primeiros meses deste ano, mais está claro que non o van facer porque Bill Oplinger [CEO de Alcoa] xa dixo claramente que non ía investir nas fábricas que tiñan perdas", explicou. Porén, a empresa afirmou que non ten cometido "ningún incumprimento" do acordo e que se atopa centrada "no rearranque das 32 cubas" de electrólise. Neste contexto, o comité exixe convocar a mesa de seguimento para que Alcoa "clarifique dunha vez por todas que vai facer". 

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
photo_camera O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
Comentarios