30 de xaneiro, quinta

CIG volve saír a rúa “na defensa da industria e do emprego”·

O sindicato convoca para esta quinta feira, día 30, mobilizacións nas sete principais cidades galegas.

Manifestación central CIG en Vigo, 1 de maio de 2017. (Foto: Nós Diario)

“Nos últimos meses vimos arrastrando unha crise industrial que percorre Galiza de norte a sur e que ten lugar baixo a ameaza dunha recesión económica, cando aínda non saímos da anterior”. A CIG, primeira forza sindical na Galiza, considera que un diagnóstico realista da situación socioeconómica do país obriga a intensificar a dinámica mobilizadora. Saír á rúa  “para exixir a derrogación das reformas antiobreiras e cambios reais nas políticas que nos permitan recuperar os dereitos roubados e vivir e traballar dignamente na nosa Terra”, afirma.

Esta quinta feira, día 30, o sindicato nacionalista convoca mobilizacións nas sete principais cidades galegas. Faino fronte ás políticas que, denuncia, “están provocando en Galiza un regueiro de ERTEs, peches de empresas, reducións de cadros de persoal e novas deslocalizacións da produción”.

Critica que o Goberno galego, ao que cualifica de “incompetente”, non opoña a esa crise senón “unha política socialmente suicida consistente no macroturismo, no Camiño de Santiago a grande escala, ou na eucaliptización do país en favor das grandes corporacións”. Mentres, acrecenta a CIG, “seguimos subministrando man de obra barata a través dunha emigración que nos deixa sen xente, nun país cada vez máis envellecido e con menos poboación activa”.

Critica tamén o papel que están a xogar CCOO e UGT, “máis preocupados por branquear o PP no marco do diálogo social, que por acudir aos chamamentos reiterados que desde hai un ano leva facendo a CIG para dar unha resposta conxunta a esta grave situación”

Lugar e hora:

- Vigo: 18:30h desde Vía Norte

- A Coruña: 20h desde a Praza de Vigo

- Pontevedra: 20h, desde a Praza da Peregrina

- Ferrol: 20h, desde a Praza do Himno

- Compostela: 19:30h desde a Alameda

- Lugo: 20h, desde o Edifico Sindical (Ronda da Muralla)

- Ourense: 11h, concentración ante a Subdelegación do Goberno (P. San Lázaro)

Comentarios