A CIG alerta dos "devastadores efectos" da política colonial israelí após unha visita aos territorios palestinos

A organización sindical nacionalista visitou os territorios palestinianos de Xerusalén Leste e Cisxordania como parte dunha Misión Sindical Internacional artellada pola Federación Xeral dos Sindicatos de Palestina.

PalestinaCIg
photo_camera [Imaxes: Avantar]

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tomou parte dunha misión internacionalista de solidariedade co pobo sahariano. A través do seu responsábel de relacións internacionais, Ramón Boán, a central sindical nacionalista --xunto con ELA (Euskal Herria), CSN (Quebec) e CUT (Brasil)-- visitaron as cidades de Ramallah, Nablus, Tubas, Qabatia, Qalquiya, Belén e Hebrón situadas nos territorios de Xerusalén Leste e Cisxordania. 

Embora as autoridades israelís impediren que a delegación internacional puidese entrar na Faixa de Gaza, a misión de solidariedade reuniuse con representantes políticos e sindicais palestinian@s e visitaron algúns centros de traballo en que viron, asegurou ao seu regreso Ramón Boán, como "o nivel de desemprego é altísimo" e as condicións de traballo continúan precarizándose. O pobo palestiniano, asegurou Boán, "continúa na resistencia mais as condicións son cada vez peores". 

Os representantes das tres organizacións sindicais indicaron que foron testemuñas dos "efectos devastadores da política de asoballamento, apartheid e bloqueo que o estado israelí exerce de múltiples maneiras sobre a poboación palestina", entre elas as construcións de asentamentos ilegais no territorio de administración palestiniana ou a edificación do muro de separación. 

Desde a CIG, o secretario de Relacións internacionais alertou de que poderiamos estar "asistindo á paulatiba e irreversíbe desaparición da lexítima aspiración a construír un estado palestino libre e independente", en boa medida, porque "a Cisxordania é hoxe un arquipélago de áreas dispersas con difícil conexión entre elas" o que torna inviábel, asegurou Ramón Boán, "construír na práctica un Esado palestiniano con continuidade territorial". 

Comentarios