A folga do persoal de helicópteros antiincendios e salvamento continuará durante todo o verán

O cadro de persoal reclama á empresa unha mellora salarial, así como avances na negociación do convenio, aínda que critican que teñan uns servizos mínimos de 100%.
Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

O persoal de mantemento de seis helicópteros que prestan servizos aéreos de emerxencia na Galiza (dous de salvamento marítimo, dous de gardacostas e outros dous contra incendios forestais) están convocados a varios días de folga durante os meses de verán tras os xa convocados desde o pasado mes de marzo.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) desta segunda feira publica comunicacións da Consellaría do Medio Rural e da Consellaría do Mar nas cales se estabelece a necesidade de persoal ordinario nos seus postos de traballo atendendo a esta convocatoria en todo o Estado español do comité de empresa de Avincis, que como se chama agora Babcock (antes Inaer) tras ser comprado polo fondo británico Ancala Partners.

Mellora salarial

O cadro de persoal reclama á empresa unha mellora salarial, así como avances na negociación do convenio, aínda que critican que teñan uns servizos mínimos de 100%.

Así, convócanse varias xornadas de folga nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro. Avincis Aviation Technics é o maior operador de servizos aéreos de emerxencia no Estado español.

Deste modo, a resolución da Consellaría do Mar estabelece servizos mínimos, tanto para a base de Vigo como para a base de Celeiro de Gardacostas, de dous pilotos por quenda por cada helicóptero, un guindastre, un socorrista e un mecánico. Ademais, a prestación asistencial de aeronaves, mantemento e reparación debe estar totalmente garantida.

No que respecta ao Medio Rural, os servizos mínimos relacionados co helicóptero de coordinación inclúen un piloto, un mecánico e un coordinador técnico, así como un analista técnico. Así mesmo, deberá conservarse o servizo de mantemento habitual nos talleres centrais da empresa.

Comentarios