Canto tempo da xornada laboral pasas fronte a unha pantalla? E facendo tarefas repetitivas?

Un de cada tres galegos e galegas pasan máis da metade das horas de traballo con dispositivos dixitais, un de cada catro realizando esforzos físicos e un de cada dous interactuando con outras persoas. Estes son os datos da Enquisa de Poboación Activa do IGE.
Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera #oficina #muller #traballo #traballadora #teclado #ordenador (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Un 31,4% dos galegos e galegas pasa máis da metade das súas horas de traballo con dispositivos dixitais, segundo se desprende da Enquisa de Poboación Activa publicada esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Pola súa parte, un de cada catro (24,8%) traballadores e traballadoras ocupa máis da metade das súas horas lectivas realizando esforzos físicos, mentres que un 23,7% está a interactuar con persoas da súa mesma empresa ou organización e outro 29,4%, con persoas externas.

Entre outros labores, o 5,9% dos galegos asegura que pasa máis da metade das horas lendo manuais e documentos técnicos, mentres que un 5,2% fai cálculos complexos. Ademais, un 10,3% indica que a metade da súa xornada dedícaa a facer tarefas que requiren destreza cos dedos e un 9,8% asesora ou forma outras persoas.

"Obsérvanse diferenzas por sexos na distribución do tempo dedicado ás distintas tarefas. No caso dos homes, a porcentaxe de persoas que dedican a metade ou máis do tempo da súa xornada laboral a facer esforzos físicos sobe até 29,1%, fronte ao 19,9% das mulleres", precisa o IGE.

E, pola contra, un 35,6% das traballadoras interactúan con persoas externas á súa compañía máis da metade das súas horas, mentres que só un 23,9% dos homes fai o mesmo, doce puntos menos que no caso das mulleres.

Tomando como referencia os datos do pasado ano 2022, na Galiza o 28,7% dos traballadores manifesta ter pouca autonomía tanto na orde como no contido do seu traballo, mentres que un 18,8% asegura que tiña "moi ampla autonomía" a este respecto.

Aliás, o 84,8% da poboación ocupada realiza sempre, en gran medida ou en certa medida, tarefas repetitivas no seu emprego. Esta porcentaxe é lixeiramente inferior no caso da poboación que conta con educación superior, cunha porcentaxe para este caso de 79,6% das e dos empregados.

Comentarios